Nunha decisión que a Comunidade de Montes de Atios cualifica de lamentable e un clamoroso erro político, os grupos que forman o goberno local do Porriño -PSOE e UDDL-, xunto co Partido Popular, votaron en contra da moción presentada polo BNG, que recibiu o voto a favor de EU SON, na que se pedía poñer fin ao preito das canteiras de Atios e asinar un convenio de colaboración entre Concello e a comunidade.
Cremos dende a xunta de montes que non se sosteñen os argumentos para seguir adiante co preito, e que foron vertidos no pleno tanto pola alcaldesa, Eva García, como polo concelleiro de Industria, Marcelino Coto, e o voceiro do PP, Carlos Martínez. Non é certo que o concello do Porriño teña a obriga legal ou moral de recorrer unha sentenza. Non se achegou ningún informe xurídico, nomeadamente do secretario municipal, que así o certifique. Non é obrigatorio porque non o fixo no caso duns terreos reivindicados pola comunidade de montes de Torneiros, en que o goberno actual non recorreu un auto favorable aos veciños. Tampouco o fixo nun preito anterior coa comunidade de montes de Atios polos chamados montes pequenos. No caso das canteiras, que agora nos ocupa, o concello xa defendeu o seu suposto patrimonio. Pero o resultado foi que perdeu e agora pode optar, sen incorrer em ningún delito de prevaricación, acatar a sentenza e buscar o mellor acordo para os intereses municipais. Ten un exemplo recente no veciño concello de Mos, onde toda a corporación e a comunidade de Tameiga asinaron un convenio que rematou coa vía xudicial e pactou un reparto de rendas.
A posición política de PSOE, UDDL e PP, posta de manifesto no pleno de hoxe, demostra unha intención clara de ir contra os intereses dos veciños da parroquia de Atios. Unha indisimulada belixerancia que é especialmente inxustificable nos concelleiros de Atios que integran o grupo do Partido Popular. Particularmente a do voceiro Carlos Martínez, que xa no goberno de Nelson Santos utilizou o despacho profesional da súa compañeira para personarse en contra da demanda de Atios –foi, da man do concello, a única empresa que o fixo-. Ademais, demostrou na súa intervención no pleno o escaso rigor xurídico co que pretende argumentar que as canteiras non son monte veciñal. Argumentos de parte que a xuíza desbotou de xeito rotundo no seu auto do passado 28 de febreiro É moi lamentable a súa actitude, que non pode ser respaldada polos veciños de Atios. Cremos que non merecen tal representante.
Agradecemos a iniciativa política do BNG, como promotor da moción, e de EU SON, por apoiala e refrendar os motivos da mesma, no senso de procurar a finalización deste conflito histórico e de traballar para unha solución de futuro. No pleno de hoxe quedaron retratados aqueles grupos que defenden a xusta demanda dos veciños de Atios e Budiño e aqueloutros que cuestionan e atacan a lexitimidade das demandas veciñais. Ese ataque non pode sairlles gratis.
No pleno de hoxe o voceiro do PP Carlos Martínez acusou á xunta de montes de non querer chegar a un acordo antes de que se formulase a demanda en vía xudicial. Eran outros tempos, non estaba proposta a reivindicatoria civil, pero daquela a esixencia do goberno de Nelson Santos era que Atios renunciara de por vida a reclamar a propriedade das canteiras. Tratábase dunha burla, asumir esa condición supuña traizoar os fundamentos da comunidade de montes e o dereito lexítimo dos comuneiros de Atios a defender o seu monte veciñal.
Agora a situación mudou radicalmente. Aínda así, Atios sempre tivo vontade de acordo. Manifestámolo dende o inicio do preito pola propiedade, antes incluso de que houbese data para o xuizo. A comezos de 2017, conxuntamente con Budiño, trasladamos a todos os grupos políticos unha proposta de convenio, beneficiosa para ambas partes. Ese documento nunca chegou a materializarse por falta de vontade do goberno local, que non tomou a iniciativa política de xuntar os grupos, pactar unha proposta conxunta da corporación e pechar o acordo cos veciños. Dende entón non obtivemos resposta por parte do concello.
Seguir adiante co recurso de apelación prexudica a todos. Lonxe de salvagardar o patrimonio dos porriñeses, o concello incorrerá en gastos innecesarios e ademais arríscase a perder unha boa posición negociadora cando a sentenza sexa firme. Se cadra, Atios poderá recuperar daquela os 534 mil euros que lle adebeda o Concello en concepto de atrasos relativos ao anterior convenio (1993-2008). Entón, ano 2008, os grupos da dereita que estaban na oposición (PP, IP e Ciudadanos Por Porriño) votaron en contra do acordo acadado entre a comunidade de montes e o daquela goberno do BNG para pagar a débeda en varios prazos. Nessa altura prexudicaron aos veciños de Atios e agora volven facelo, desta volta co incomprensible apoio do grupo do PSOE.
Antes da lectura do debate da moción presentada polo BNG, o presidente da comunidade de montes de Budiño, Luis Martínez, deu lectura a un manifesto no que se avoga pola consecuión dun acordo entre o concello e as comunidades de montes. Aínda que a situación xurídica de Budiño é distinta, xa que perdeu o preito pola propiedade en todas as instancias, sen posibilidade xa de recurso, dende Atios apoiamos a sinatura dun convenio que lle dea aos veciños da parroquia amiga a parte que lle corresponde das rendas das canteiras. É de xustiza, non só pola afección que a actividade mineira ten sobre as persoas que alí residen, senon tamén porque as canteiras ubícanse sen ningunha dúbida sobre o monte veciñal de Budiño.