A comezos do ano 1988 botou a andar a comunidade de montes de Atios coa constitución dunha xunta xestora presidida por Segundo Novás Oya. Esta directiva provisional fixo o traballo previo para darlle forma á comunidade e puxo en marcha os trámites pertinentes de cara a elección da primeira xunta reitora, como órgano lexítimo de representación dos comuneiros de Atios. Unha elección que tivo lugar nunha asemblea xeral celebrada o día quince de xaneiro de 1989. Votaron 210 comuneiros e o primeiro presidente foi Serafín Dávila Giráldez, quen detentou o cargo ata maio de 2006. Nese ano renovouse a directiva e acadou a presidencia Juan José Domínguez Pereira, quen se mantivo a fronte da comunidade ata o ano 2014. Nese ano houbo de novo eleccións, nas que saiu elixido Juan José Pereira Pereira, actual presidente.
A Lei 13/89 de 10 outubro , de Montes Veciñais en Man Común, promulgada polo Parlamento Galego recoñeceu por primeira vez a personalidade xurídica das comunidades de montes e permitiu a súa constitución como entidades de pleno dereito para a defensa do monte comunal, pertencente aos veciños nativos dunha parroquia.
Tal e como se recolle nos estatutos da comunidade aprobados o 29 de xuño de 1997, o obxecto da comunidade é “regular o disfrute e o aproveitamento dos montes veciñais da parroquia de Atios denominados montes “Carrascal e Laxedo, Pedra que Fala, Gándaras de Prado e Carrascal, Cerola Faro e Outros”, clasificados polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra ao abeiro da resolución de data 13/01/87 e 25/09/87 e demais montes que no futuro se clasifiquen como veciñais en man común deste lugar”. Xa que logo, a xunta reitora ten como obriga a xestión da riqueza forestal do monte comunal, tanto dende o punto de vista produtivo, como social e recreativo. Para o primeiro dispón dun plan de ordenación forestal que regula as cortas, plantacións e tratamentos silvícolas que permitan una explotación racional e rendible do monte.
O monte comunal de Atios dispón de dúas certificacións oficiais, a FSC e a PEFC, que garanten unha explotación sostible da madeira e dos produtos forestais.
Na seguinte ligazón poden descargar os Estatutos da Comunidade de Montes