O pasado 15 de abril celebrouse nos xulgados do Porriño a vista previa do preito sobre a reivindicatoria que a comunidade de montes presentou na vía civil contra o concello do Porriño, para obter a titularidade das canteiras. Trátase do primeiro paso dun longo camiño xudicial, que agardamos remate nun fito histórico.
Se hai algo ao que os comuneiros e todos os veciños da parroquia non poden renunciar é a titularidade das canteiras. O terreo sobre o que se ubican as explotacións de granito foi, por dicilo dalgunha maneira, “usurpado” polo Concello do Porriño, amparado polo xurado provincial de montes no ano 1987, nunha decisión inxusta e incomprensible, que deixou sen clasificar para os veciños 153 hectáreas de monte comunal. Un xurado que -entendemos- estaba politizado en exceso, xa que por riba do dereito lexítimo dos veciños pesaron máis os intereses políticos e económicos, e por iso se lle entregou ao concello o máis valioso do monte denominado Carrascal e Laxedo.
Intentouse corrixir esa decisión na vía do contencioso, para que as rendas que o concello percibía pola ocupación das canteiras reverteran directamente nos veciños de Atios. Pero de novo o Tribunal Supremo, no ano 1998, deixábanos sen a parte máis rica do pastel. Esta xunta de montes sempre tivo como referente que as canteiras tamén son monte comunal, que -pola súa propia definición xurídica- é indivisible, inalienable e imprescritible. Polo tanto, decidimos reclamar a titularidade na vía civil, a única que nos queda. O día 20 de abril de 2012 presentouse a reclamación administrativa ante a parte demandada, é dicir, o concello do Porriño. O goberno local dispuña de tres meses para responder, pero retorcendo os prazos legais demorou a resposta máis dun ano. Houbo que esperar a que se pechara este trámite para presentar a demanda en sede xudicial. Fíxose finalmente o 23 de xullo de 2013.
Posesión inmemorial
Cristina Bugarín, avogada do despacho de Calixto Escariz, é autora da demanda. Un escrito de centos de páxinas nos que argumenta con abundancia de probas por que as canteiras deben ser de titularidade comunal. O argumentario remóntase séculos atrás, incluso antes do catastro do Marqués de la Ensenada de 1752 , para demostrar que o monte Carrascal e Laxedo foi, e é, unha unidade indivisa que sempre pertenceu ao común dos veciños de Atios. A existencia da parroquia como suxeito territorial e administrativo é moi anterior ao municipio do Porriño, que coma case todos os consistorios foi creado no ano 1836. Máis dun século despois, en 1951, cadrando co arranque da industria de extracción do granito, o concello -nunha clara manobra de intervencionismo administrativo- decidiu inscribir como propios no Rexistro da Propiedade de Tui, todos os montes de Atios e tamén doutras parroquias. Pero esa inscrición fíxose máis ben como “tutela e xestión” dunha porción de monte que fora detraída do uso veciñal, non como titular legal dunha posesión inmemorial. E isto foi posible debido a que as comunidades de montes veciñais non tiñan daquela personalidade xurídica.
En diversos documentos da época, e tamén de anos posteriores, o concello do Porriño recoñece que as canteiras forman parte do monte Carrascal e Laxedo, que sempre foi aproveitado no seu conxunto polos veciños de Atios, ben para madeira, esquilmes ou pastos. Polo tanto, non procede a súa división en partes diferenciadas, como consentiu o xurado provincial de montes no ano 1987. No momento da clasificación a industria do granito estaba en pleno auxe, había intereses económicos moi fortes, e cremos que o xurado, presidido polo daquela gobernador civil, estaba fortemente politizado. Cometeuse unha grande inxustiza coa nosa parroquia.


