A  Audiencia Provincial de Pontevedra vén de ratificar a sentenza de 1ª Instancia e outorga a titularidade das parcelas das canteiras á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Atios

         Físoxe agardar, nada menos que catro anos despois da sentenza do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución nº 3 do Porriño (28 febreiro de 2018), e oito anos depois de interposta a demanda inicial (2014), pero por fin chegou a sentenza de apelación e dá, como agardabamos, á razón aos comuneiros de Atios.

         A resolución fai xustiza á demanda histórica dos veciños de Atios. Desde a xunta reitora amosamos a nosa satisfacción, que queremos compartir con todas as veciñas e veciños que ao longo destes anos, como membros da directiva ou coma comuneiros de base, loitaron porque as canteiras foran recoñecidas coma o que nunca deixaron de ser, é dicir, monte veciñal en man común.

         Na sentenza, datada o 15 de marzo, os maxistrados da sección 3ª da Audiencia din literalmente  que “ratificamos a titularidade da comunidade de montes demandante e a súa correspondente lexitimación activa a partir da posesión inmemorial (…) con referencia expresa ás parcelas destinadas a canteiras en explotación e a uso industrial”.

O monte Carrascal e Laxedo, perfectamente identificado

         Con bo criteiro, os xuíces sinalan que a identificación do monte Carrascal e Laxedo, a súa delimitación histórica e o seu aproveitamento polo común dos veciños de Atios desde tempo inmemorial, quedaron plenamente probados no informe pericial elaborado polo enxeñeiro técnico agrícola Ángel Bravo Portela. Informe co que coincide eminentemente o perito xudicial que declarou no xuízo. Cómpre dicir tamén que a sentenza rexeita os argumentos esgrimidos polo concello no informe que encargou ao profesor Barbeito sobre as devesas reais. Din os maxistrados que a súa “exacta ubicación non pode acreditarse fronte ao criteiro oposto de aproveitamento comunal”. Negro sobre branco.

         Os maxistrados teñen o detalle de recoñecer que o procedemento foi “desproporcionado en duración e volume, pola intervención que se concedeu a terceiros ocupantes das parcelas”. Nun claro reproche á decisión do concello de solicitar o litisconsorcio, que ao final deveu en irrelevante para o asunto que se dirimía. Unha decisión que dilatou inxustificada e esaxeradamente o preito e obrigou á comunidade a incorrer nuns gastos absolutamente innecesarios. Unha manobra de mala fe por parte do goberno local do Porriño, daquela presididio polo señor Nelson Santos.

         A Audiencia desestima o recurso de apelación do concello, e desestima tamén a pretensión da comunidade de reclamar as rendas percibidas polas arcas municipais en concepto de arrendamento. Neste caso, os maxistrados afirman que non houbo mala fe por parte do concello no cobro das rendas das canteiras.

Desleixo recadador do concello

         Iso non obsta para que a comunidade de montes critique duramente o desleixo recadador do concello, a absoluta falla de dilixencia no cobro dos arrendamentos durante décadas. Unha actitude neglixente que, segundo recoñeceu o propio servizo de tesoureiría municipal, privou ás arcas públicas  de millóns de euros que quedaron nas mans dos empresarios. Segundo un informe achegado ao preito en 2017, o concello admite que só recadara 1.875.000 euros desde 2008 ata esa data.

         Cabe recurso ante o TSXG, pero agardemos que a corporación do Porriño non volva caer no mesmo erro que en 2018, cando recorreu en apelación. Todos os concelleiros, tanto dende o goberno coma dende a oposición, deben exercer a súa responsabilidade para rematar xa este preito e recoñecer a realidade histórica do monte de Atios. Non facelo suporía unha gravísima equivocación, e un novo agravio a unha parroquia que sufriu e sufre coma ningunha a actividade industrial do granito. Negocio moi lucrativo que encheu os petos só duns poucos e empobreceu a saúde e a paisaxe de toda a veciñanza de Atios.