A Consellería  do Medio Rural ven de aprobar o primeiro treito do deslindamento parcial dos montes da Comunidade e Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Atios. O Diario Oficial de Galicia (DOGA) publicou o luns 23 de maio a orde asinada pola conselleira Ángeles Vázquez e que pon fin á vía administrativa no que atinxe ao primeiro treito do deslindamento que foi iniciado no ano 2013.

O apeo desta primeira fase realizouse entre o 17 de xuño e o 29 de xullo de 2013. O enxeñeiro do Servizo de Montes de Pontevedra Guillermo de la Vega foi o instrutor do expediente de deslindamento. No documento adxunto pode consultar o texto íntegro da orde, na que se recolle todo o trámite do expediente, as alegacións formualdas polos propietarios afectados e a resolución da consellería.

Aprobación do primeiro treito do deslindamento parcial do monte veciñal de Atios

Os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes contra esta resolución ou ir directamente á vía xudicial coa interposición do correspondente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superiro de Xustiza de Galicia (TSXG). Os prazos comezan a contar dende o día seguinte a publicación no DOGA ou desde o momento da notificación persoal aos afectados. A Comunidade de Montes está analizando polo miúdo o contido da orde e avalía a posibilidade de interpoñer os recursos que foran precisos para defender o monte comunal.

Cómpre sinalar tamén que xa rematou o prazo de alegacións ao apeo do terceiro treito do deslindamento. Agora a enxeñeira instrutora formulará a proposta de resolución sobre as alegacións presentadas. Estamos pendentes tamén de que se aprobe o segundo treito, cuxo apeo foi realizado no ano 2014