Unha ave rapaz, que podería ser un miñato común (buteo buteo), pousou hai uns días moi preto das vivendas do barrio de Albarín.
A fotografía tomada por un veciño co seu teléfono móbil fíxose a escasos catro metros de onde estaba o animal. Un comportamento en principio certamente estraño, xa que son aves salvaxes que foxen da presenza humana. Pero podemos comprobar que leva un anel en cada pata, polo cal cremos que se trata dunha aguia amestrada para cetrería por exemplo e que escapou do seu refuxio habitual.
Dicimos que pode ser un miñato pola súa aparencia, pero se algún afeccionado a ornitoloxía nos pode sacar de dúbidas agradecémolo, xa que así aprenderemos un chisco máis sobre o apaixonante mundo das aves. Dáse a circunstancia de que esta ave apareceu nos mesmos días en que foi visto un voitre negro en Nigrán e Vigo, subido aos tellados, como se acostumase a estar preto dos humanos. Descoñecemos se proceden do mesmo lugar. O certo é que só estivo polo barrio un par de horas. Logo non volvemos vela. Que lle vaia ben!

