Prezadas comuneiras e comuneiros.
Rematado o prazo o pasado venres 13 de maio, ás 21:00 hs., tal como fora aprobado na asemblea extraordinaria do 26 de marzo, só se presentou unha candidatura á xunta reitora da comunidade de montes de Atios, a encabezada por Xoán Xosé Pereira Pereira. Xa que logo, o vindeiro domingo 22 de maio, ás 12:00 hs, no Centro Social e Cultural, non haberá votacións e procederase ao nomeamento por aclamación da única candidatura que concorreu ao proceso electoral.

A xunta reitora que xestionará os asuntos da comunidade nos próximos catro anos é a mesma que a actual. Tan só se rexistra o cambio dun vogal. A nova composición presentarémola na asemblea do domingo.

Así as cousas, demóstrase, por unha banda, que o traballo do equipo actual conta coa aprobación da maioría da comunidade, e, pola outra, que non hai por agora outros comuneiros que decidan dar o paso de presentar unha candidatura alternativa. É xa a terceira vez que isto se produce e, a verdade, é que comeza a ser algo preocupante. Os actuais directivos non imos estar aquí toda a vida e, polo ben da comunidade, sería desexable que máis veciños asumisen o compromiso.

Precisamos unha remuda nos seguintes catro anos e sería bo que viñera da man das novas xeracións, especialmente das mulleres.

Con todo, a xunta actual manterá a liña de xestión que viu realizando ata agora, sempre na defensa do monte comunal e procurando o progreso económico, social e cultural de toda a parroquia.

Grazas pola confianza.