O freixo de Alvarín prtotagoniza a imaxe escollida este ano para o calendario por varias razóns, algunha delas casual. O 15 de Outubro deste 2021 fixo 101 anos do nacemento de Augusto Bugarín, o veciño do barrio que plantou o freixo sendo un neno. Aínda que non podemos precisar a idade exacta, as persoas que lembran os feitos falan de que Augusto tería uns seis anos cando colleu a árbore dun monte próximo e a chantou onde agora está. Xa era algo grande (tería uns dous metros apróximadamente), así que o freixo está moi preto de facer o seu primeiro século de vida.

O pasado mes de outubro o concello fixo unha pequena obra de saneamento da árbore. Adxudicouna á empresa Adoa. Picouse o asfalto para ampliar o perímetro de protección e de paso mellorar a aireación das raíces. Tamén podou e aplicou tratamento funxicida. Colocouse un cartel coas características morfolóxicas e a historia do freixo, unha árbore que, como lembrarán, foi incluida no ano 2011, no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. Unha medida que promoveu a xunta de montes de Atios coa que procuraba mellorar o coidado dun ser vivo magnífico e moi aprezado polos veciños do barrio de Alvarín.

A foto do calendario é obra do fotógrafo pontevedrés Juan Adrio, quen realizará unha exposición sobre árbores centenarias de toda Galicia. A mostra inaugurarase no mes de marzo na galería Luisa Pita de Santiago de Compostela. A fotografía que se exporá do freixo de Alvarín será moi parecida á imaxe que escollemos para o calendario.

Longa vida ao freixo e Felices Festas para todos os comuneiros e toda a veciñanza de Atios!