Atios celebra estes días unha das dúas festas patronais que compoñen o programa festeiro da parroquia. As celebracións na honra de San Bieito cadran sempre entre finais de xullo e comezos de agosto. Da organización dos festexos encárgase unha comisión distinta cada ano. Son cinco comisións, formadas por distintos barrios agrupados arredor dun principal (Vilafría, Albarín, A Rocha, O Covelo e A Torre). Rotan cada cinco anos e nesta ocasión a quenda é do barrio da Rocha.

As festas de San Bieito teñen gran tradición en Atios, tanto no aspecto relixioso coma no social. A novena, a colecta dos ovos para ofrecer ó santo a cambio de eliminar espullas, a poxa dos polos e outras esmolas recollidas pola parroquia, etc., son rituais que forman parte xa da vida cotiá dos veráns de Atios. Ademais, a rivalidade sá dos distintos barrios por facer as mellores festas tradúcese en que a calidade e sona das orquestras que amenizan as verbenas son case sempre do máis alto nivel no panorama festeiro galego. Así, as festas de San Bieito de Atios teñen grande atracción na bisbarra.

Son tamén estes días un momento para as xuntanzas familiares, a chegada dos veciños que viven na emigración e a visita de amigos forasteiros,  que son convidados a participar das celebracións.

No cartaz que xuntamos poden comprobar os actos incluídos no programa.festa sDende aquí desexámoslle á comisión toda a sorte na organización e a todas e todos os veciños que disfruten do mellor xeito destas festas.