Despois de dous anos sen poder compartir unha xornada de celebración no monte con todas as comuneiras e comuneiros, finalmente este ano saciamos as ganas de xoldra cunha nova edición da Festa do Monte. Levantadas as restricións poderemos desfrutar de novo dun día no monte, en boa compañía, con bo ambiente, música e petiscos. Retomamos o programa de actos habituais, que se pode ver no cartaz.

Como novidade este ano, acompañarannos Dores Pereira e Paula Lago co seu libro Herbas da Noite, un fermoso traballo que mestura a información coa creación artística arredor das herbas de San Xoán. Trataremos de organizar máis adiante unha saída ao campo para a recollida das herbas máis tradicionais.

 Outra novidade importante é o serán que terá lugar o sábado, organizado pola asociación cultural Os Penediños, que porá a música tradicional no centro da área da Veiguiña. Un aperitivo do que será o día seguinte no que o grupo Lembranzas d`outrora amenizará a festa durante todo o día.

Ao non haber constituida unha comisión de festas de San Benito, que neste ano lle tocaría ao barrio da Rocha, o bar será atendido polos compoñentes dos Penediños. Haberá, como non podía faltar, un inchable para os cativos e tamén animación e xogos populares. Unha sorpresa nos teñen preparadas as rapazas de Cóxegas, unha Escape room no monte. Veremos en que consiste….

Agardámosvos a todos na área recreativa da Veiguiña, un espazo forestal incomparable, para desfrutar dunha xornada de festa como as de antes, en plena natureza.