O centro social e cultural da Guía acolle esta fin de semana un acto organizado pola asociación cultural Os Penediños de Atios para conmemorar o Día do Libro 2022. O sábado 23, ás 19.30 da tarde, terá lugar a presentación do libro “Herbas da noite”, unha guía ilustrada das herbas de San Xoán realizada por dúas veciñas. 

Esta compilación artística sobre as plantas que se recollen na véspera da noite de San Xoán foi feita por Paula Lago a partir das recollidas orais que a nai, Dores Pereira, fixo na nosa parroquia con intención de conservar a sabedoría popular das nosas veciñas. O evento celebrarase no auditorio do centro social de Atios, no primeiro andar, e animámosvos a asistir para celebrar este día e lembrar un dos costumes máis senlleiros da nosa parroquia!