Un enxame de abellas, fomado por centos ou milleiros de exemplares, sorprendeu este mediodía aos clientes da cafetería do centro social e cultural de Atios. De súpeto formouse no aire, arredor do xardín e das mesas da terraza, unha densa nube destes pequenos insectos que prácticamente impedía o paso polo corredor central do xardín.
En apenas uns minutos, o enxame arremuiñouse encol da raíña nun arbusto. Crearon momentáneamente unha colmea natural duns vinte centímetros de ancho e corenta de longo. Pero, tan axiña como apareceron, así marcharon. Despois dun par de horas o enxame desfíxose e voou cara outro lugar. Os clientes puideron volver disfrutar da terraza da cafetería sen ningunha preocupación.

Aproveitamos este curioso fenómeno da natureza para alertar da importancia de coidar das abellas, sobre todo cando se trata da especie que hoxe nos visitou, a apis mellifera, a abella común, a que fabrica ese alimento tan beneficioso como é o mel.
Agora están en plena época recolectora e de formación de colmeas, por iso viaxan dun lado a outro na procura do mellor lugar para establecérense e construiren os panais. Hai que protexer as abellas, porque cada vez hai menos, xa que son atacadas sen piedade pola perigosa vespa velutina, a vespa asiática que está acabando coas colmeas da abella común e que tamén fixo niño en varios lugares de Atios.
Advertimos tamén, agora que estamos en plena época de floración, que a utilización indiscriminada de praguicidas e herbicidas causa un grave dano aos insectos polinizadores, como é o caso das abellas.
Alegrámonos en todo caso, da visita, aínda que fugaz, que as abellas fixeron ao noso centro cultural. Agardamos que fagan a colmea nun sitio seguro, a salvo das avespas asasinas e dos malos hábitos dos humanos.

