Nun acto de INDIGNIDADE DEMOCRÁTICA E AUTORITARISMO que había tempo non se recordaba no concello do Porriño, o alcalde Alejandro Lorenzo decidiu incumprir o mandato da soberanía popular e presentar recurso contra a sentenza da Audiencia Provincial que ratifica a titularidade comunal das canteiras de Atios. Fíxoo onte a tarde, un día antes de rematar o prazo. O goberno local do PP despreza a vontade maioritaria do pleno, que por dúas veces votou en contra do recurso. Iso terá consecuencias.


Reiteramos o agradecemento aos grupos do PSOE, BNG, EU-SON, UDDL, Non Adscrita, e criticamos a decisión do Partido Popular. Porque o alcalde ACTÚA LEVADO POR UN ÁNIMO DE VINGANZA cara a comunidade de montes de Atios, fai un ATAQUE DIRECTO AOS VECIÑOS da parroquia, un INSULTO O SEU DEREITO HISTÓRICO SOBRE AS CANTEIRAS, que foi avalado por ata dúas sentenzas xudiciais. Escudarse nun informe do secretario municipal ou do asesor xurídico do concello é unha excusa moi pobre e falsa, porque O CONCELLO XA SE DEFENDEU E PERDEU! Convocar un pleno extraordinario cando xa tiña a decisión tomada non é máis que unha proba da súa calaña política. Actúa con MENTIRAS E COBARDÍA.


É especialmente REPROBABLE A ACTITUDE DO CONCELLEIRO DE ATIOS DO PP, Ramón Porto. Era o momento de estar a altura dos veciños que o votaron, pero antepuxo a disciplina de partido sobre a defensa dos dereitos da parroquia na que vive. Unha actitude inxustificable por canto é comuneiro e coñece a loita que durante moitos anos leva facendo a comunidade de montes par ser dona dos seus recursos. AS CANTEIRAS SON MONTE VECIÑAL DENDE TEMPO INMEMORIAL e un veciño de Atios debe defender iso, sexa onde sexa. Hai un precedente dun concelleiro de Atios do PP, Manuel Giráldez “Potiño”, que votou en contra do seu partido, o PP, nos tempos do alcalde Barros. Sabendo que a votación estaba perdida, o señor Porto, que é comuneiro, puido demostrar de que lado está. A parroquia debe ter en conta isto cando cheguen as eleccións. NON MERECE O VOTO DOS VECIÑOS DE ATIOS.

http://mediateca-oporrino.seneca.tv/watch?id=MDRiMWQ0ZTMtY2ZiMS00ZWNlLTg2YmUtNmQ4OThiYThlODRk


A xunta de montes DECLARA PERSOAS NON GRATAS AO ALCALDE DO PORRIÑO E AOS MEMBROS DO GRUPO MUNICIPAL DO PARTIDO POPULAR. Presentar recurso ante o TSXG sabendo que está perdido non é máis que atacar os intereses dos veciños de Atios por pura inquina. Se o goberno local quere defender o patrimonio municipal só ten que xestionar ben o cobro dos arrendamentos, porque se está permitindo o lucro de terceiros sen contraprestación para as arcas públicas. Aí é onde se ten que defender o patrimonio municipal. E a comundiade de montes actuará con todas as medidas legais ao seu alcance, incluida A VÍA PENAL, para que TODOS OS RESPONSABLES MUNICIPAIS RESPONDAN DO DESFALCO DAS CANTEIRAS.

O recurso de casación é un auténtico disparate. Desde o punto de vista xurídico o recurso que asina o letrado do concello, Víctor Guardado, é un verdadeiro despropósito. Da paus de cego coma un pito sen cabeza. Actúa á desesperada. Fallou estrepitosamente en primeira instancia, cando tivo a ocorrencia de usar as devesas reais para desmontar a identificación histórica do monte Carrascal e Laxedo. E agora pretende facer o mesmo deslexitimando o deslinde acadado entre as comunidades de montes de Atios e Budiño. Un linde do monte comunal de ambas parroquias que foi validado polo xulgado, que foi aceptado pola consellería do Medio Rural no proceso do deslinde de Atios e que foi avalado polas sentenzas do xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 3 do Porriño e tamén pola Audiencia Provincial de Pontevedra en sentenza recente. É un disparate pretender que o TSXG acepte ese argumento. Como non ten outro fundamento xurídico, dispara ao chou por, pura e simplemente, negarse a recoñecer o dereito histórico dos veciños de Atios.

Venceremos!


Tardaremos algo máis de tempo, pero gañaremos finalmente. É INCUESTIONABLE QUE AS CANTEIRAS SON MONTE VECIÑAL, por moito que algúns se neguen a admitilo. A mágoa é que polo camiño se están perdendo recursos económicos e ambientais. E a comunidade de montes, que non percibe nin un céntimo do concello dende o 2008, hai 14 anos!, deberá seguir sobrevivindo cos recursos que ten, básicamente os forestais. Pero a pesar das dificultades e dos atrancos que o concello do Porriño, nomeadamente o Partido Popular, está poñendo, somos capaces de xestionar ben o noso monte. Tres familias de Atios viven do que xera o monte comunal. Témolo ordenado, coidado e facemos investimentos na mellora das instalacións e servizos para toda a parroquia. Sen axuda de ninguén, só co noso esforzo, dedicación e recursos propios. Por iso é tan lamentable ter que escoitar palabras como as que o señor Porto pronunciou no pleno do pasado luns.


Para finalizar queremos transmitirlle aos comuneiros, e en xeral a toda a veciñanza de Atios, que NON ESQUEZAN QUEN DEFENDE OS SEUS DERETIOS E QUEN ACTÚA EN CONTRA. Non podemos perdoarllo. Pola nosa banda, pedimos paciencia, porque gañaremos a batalla final e as canteiras por fin serán dos veciños a todos os efectos.