A policía local do Porriño deu escolta a un piloto de rally no seu adestramento privado polos montes de Atios.

Criticamos que se utilizaran terreos da comunidade de montes sen a nosa autorización.

O pasado martes 10 de abril, os vecinos dos barrios de Alvarín e das Insuas, en Atios, víronse sorprendidos por un forte despregamento da policía local do Porriño. Varias patrullas e arredor dunha decena de efectivos, procederon a cortar o tráfico nun treito da pista que une os dous barrios e atravesa propiedades da comunidade de montes de Atios.

Ante o balbordo e o forte ruxido de motores, varios veciños achegáronse ao torreiro do Roupeiro e alí comprobaron que se trataba dunha proba de rally, da que a comunidade non tiña coñecemento nin fora anunciada públicamente. Pero non era unha proba de competición organizada como tal, senón que se trataba do adestramento dun só coche. Ao parecer, segundo testemuñas presentes no lugar, o piloto era David Couceiro, fillo do dono da empresa González Couceiro S.L., adicada á xestión de residuos e moi coñecida no Porriño. Para poñer a proba o seu vehículo, contou co apoio loxístico da Policía Local do Porriño, así como dun amplo dispositivo de Protección Civil. O adestramento levouse a cabo entre as seis e as oito da tarde e implicou o corte ao tráfico de máis de dous quilómetros entre o Roupeiro e As Insuas. De feito, algúns veciños das Insuas tiveron que agardar a que rematase o adestramento para poder dirixirse ás súas vivendas.

A comunidade de montes de Atios quere denunciar públicamente que se utilizaron terreos da súa propiedade, como é o torreiro de festas do Roupeiro, sen que mediase petición de autorización por parte do piloto interesado ou da propia Policía Local. Tampouco recibimos ningún tipo de aviso ou comunicación acerca da proba.

Criticamos que se permitan estas actividades no monte, xa que a comunidade de montes de Atios leva anos denunciando o tránsito indiscriminado de vehículos a motor (sobre todo motos e quads) polas pistas forestais. Temos noticia tamén de que de noite se realizou nalgunha ocasión unha proba clandestina de coches, con tramos cronometrados, por varias pistas forestais. Trátase dunha actividade prohibida, que causa graves danos ás pistas e camiños rurais, en cuxo mantemento a comunidade inviste unha considerable cantidade de diñeiro.

As denuncias son reiteradas, por escrito e vía telefónica, ante a garda civil, ante a policía autonómica ou ante a policía local. Lamentamos que ningún destes corpos de seguridade teña actuado con contundencia para combater estas actividades ilícitase, daniñas para o monte. Polo menos non temos constancia de que a presenza de motos e quads en pistas forestais teña rematado.

Aínda que a proba do pasado martes puidera terse celebrado de acordo coa normativa vixente, non nos parece acertado a dispoñibilidade da policía local do Porriño para dar cobertura a unha proba coma esta, poñéndose ao servizo dun interese privado e particular, para un uso que consideramos incompatible coa contorna natural.