Dores Pereira, veciña de Atios, e a súa filla, Paula Lago, fixeron unha pequena guía ilustrada con título Herbas da noite que recolle os usos populares e propiedades das herbas que se apañan na véspera da noite de San Xoán. Esta información foi recollida por Dores hai anos, aproveitando as subidas ao monte para conversar con diferentes veciñas da nosa parroquia, e Paula aproveitou para reunir nun libro este legado aportando as ilustracións. Agora lanzan unha campaña para conseguir o financiamento necesario para imprimir varios exemplares. Explicámosvos en que consiste o proxecto e, de estardes interesados, como colaborar para que o libro vexa a luz.

A noite de San Xoán
Na noite de San Xoán prodúcense distintas manifestacións de orixe pagá para celebrar o solsticio de verán: fogueiras para escorrentar os malos espíritos, rituais de fertilidade nas praias (o baño das nove ondas, por exemplo), esconxuros…Entre as máis difundidas está a recollida das herbas máxicas de San Xoán. Un ritual popular que consiste en apañar unha serie de herbas, follas e flores no serán da véspera do 24 de xuño, mergullalas en auga e poñelas a serenar durante a noite para lavar a cara pola mañá.
O que a guía contén
A guía reúne 27 plantas que se poden atopar nos montes de Atios -cos nomes tal e como os coñecemos na zona e máis cos nomes científicos en latín-, ademais de información sobre a súa forma e sobre os usos máis populares, ditos e receitas.
As ilustracións que acompañan as herbas pretenden iluminar o texto de xeito expresivo, máis que ser un reflexo fiel das plantas. Para quen queira visualizalas, o libro conta cun código QR que, con axuda dun teléfono móbil, conduce a unha web coas súas imaxes.
A campaña de micromecenado
O micromecenado é un tipo de colaboración colectiva, que tamén se coñece co termo inglés crowdfunding. Para este tipo de financiamento pídese axuda a unha serie de persoas ás que lles gusta a proposta ou o proxecto e que apostan por ela coas súas achegas monetarias. A cambio das aportacións neste caso obtés o libro xunto a diferentes recompensas. É unha especie de prevenda. A campaña, feita na plataforma Verkami, dura 40 días, e, unha vez alcanzado o obxetivo, o libro e as recompensas chegarán aos “mecenas” en aproximadamente 3 semanas.
Este é o vídeo da campaña feito por Elia Lago, tamén filla de Dores:
Se estades interesados neste proxecto feito en Atios, podedes colaborar na seguinte ligazón:
https://vkm.is/herbasdanoite
Podedes obter máis información do proxecto en:

