Este sábado, ás oito da tarde, no auditorio do Centro Social e Cultural de Atios, celebramos a segunda asemblea xeral ordinaria do ano. Dous anos despois volvemos ao lugar habitual de reunión dos comuneiros, toda vez que a situación da pandemia mellorou e está permitida a organización de actos en espazos interiores, sen restricións de acollida. Manteremos iso si, as medidas de prevención sanitaria esixidas.

    Dous temas centran a convocatoria desta asemblea. Por un lado remataremos coa revisión e actualización dos estatutos da comunidade. Na sesión celebrada en maio quedara pendente de aprobación a modificación dos artigos relativos á adquisición e perda da condición de comuneiro. Pilar Vázquez, avogada do despacho Calixto Escariz estará presente no auditorio e resolverá as dúbidas que formulen os asistentes.

    O outro asunto destacado é a solicitude que nos fai un gandeiro de Atios para criar vaca de raza cachena no noso monte. Xa ten varias reses noutros montes da contorna e propón traer o seu gando para Atios. Trátase dunha raza autóctona adaptada a orografías difíciles e que achega valores medioambinentais moi positivos para o monte. Veremos como acollen os comuneiros a iniciativa.

    No apartado de informes falaremos do estado actual do deslindamento administrativo do monte comunal, da instalación da liña de alta tensión de REE, dos distintos preitos que ten abertos a comunidade, das cortas en marcha e futuras, dos traballos realizados na prevención de incendios e na mellora natural de distintas paraxes do monte de Atios.