Prezadas comuneiras e comuneiros. Achégase unha das datas máis agardadas do ano, a Festa do Monte, en que veciños, visitantes e convidados disfrutamos dunha xornada de lecer en plena natureza.
Levamos a cabo, como fora anunciada na asemblea, unha pequena reforma na caseta da área recreativa da Veiguiña. Ampliamos a zona cuberta e tamén a explanada onde ofrecemos os petiscos e o viño. Para que esteamos todos máis cómodos e sen apreturas.
Teremos no menú do xantar unha sorpresa e un agasallo para os comuneiros.
Polo demais, o programa contén todas as actividades doutras edicións. Como é tradicional o grupo dos Penediños presentarán as súas últimas pezas. Instalarase o inchable para os cativos e haberá xogos populares para todos pola tarde. A parte musical correrá a cargo do grupo Grolo, que amenizará a festa na tarde do domingo.
Pero a festa comezará xa o sábado á tarde, cando abra o posto da comisión de San Benito 2024, que este ano tócalle organizar aos barrios da Torre e Os Galegos. Música disco a cargo do Dj Cristian Penelas para abrir boca. Fará de teloneiro do grupo Pink Porris, formación que se vai consolidando no panorama musical da contorna como un grupo de referencia de rock rural. Sempre coa parroquia de Atios como pano de fondo de moitas das súas cancións. Pechará a velada musical DJ Mus, que manterá o ambiente festeiro ata ben entrada a madrugada.
Para a reserva de mesas, coma sempre, hai que facelo de xeito presencial na Veiguiña o sábado pola mañá. Cómpre tamén pedir permiso para acampar. E como se ven facendo dende as últimas edicións, non se poderá acceder co coche ao recinto pechado onde se celebra a festa. Hai dispoñible un amplo aparcamento no vello campo de tiro.
Agardámosvos un ano máis para disfrutar do noso fermoso monte comunal.