O vindeiro domingo día 12 de xuño a área recreativa da Veiguiña, no corazón do monte veciñal de Atios, acollerá unha nova edición da Festa do Monte. Un evento lúdico que a xunta de montes celebra cada segundo domingo do mes de xuño e que está adicada aos comuneiros e veciños da parroquia.
É unha xornada para disfrutar do monte e do entorno natural en compañía da familia e dos amigos. O programa inclúe unha andaina que comeza ás nove e media da mañá dende a igrexa parrroquial. Discorre pola ruta dos muíños, nun trazado cheo de lugares con encanto.
Como ven sendo tradicional o cura da parroquia ofrecerá unha misa ao aire libre no monte, para os fregueses que así o desexen.
A partir daí todo é festa. Unha charanga formada por músicos da contorna, algún, mesmo veciño de Atios, amenizará a xornada coa súa música alegre e desenfadada. Na área haberá postos para comer e beber o que se queira. Dende as dez xa estará aberto o posto do pulpeiro. O viño pode adquirirse no posto da comisión de festas de San Benito, que este ano cae no barrio da Rocha. Xa dende o sábado á tarde o posto está aberto e pola noite a velada estará con música de verbena.
Tamén instalarán o seu posto os membros da ANPA do colexio de Atios, no que ofrecen sobre todo tartas, pasteis e outras sobremesas, todas caseiras. Os cativos, ademais de xogar e correr polo monte, disporán dun inchable de gran tamaño onde brincar e divertirse.
Ao mediodía é a hora do xantar, a base de petiscos, que ofrece a xunta de montes. É servido na caseta que hai na área recreativa e pode achegarse calquera participante da festa. Os asadeiros e grellas instalados na área poden ser usados sempre e cando as condicións do tempo así o permitan. A reserva de mesas é mellor facela o sábado entre as once da mañá e a unha da tarde, na propia área recreativa.
Antes entregaranse os premios aos gañadores do concurso escolar que todos os anos, cadrando coa Festa do Monte, organiza a xunta reitora en colaboración coa ANPA e o profesorado do colexio. Sobre as oito, maís ou menos, remata a festa, aínda que o bar da comisión de San Benito segue aberto un chisco máis.
A seguir o cartaz completo coa programación para a xornada:
Agardemos que o tempo acompañe e poidamos disfrutar dun día de diversión e disfrute do noso monte.

