Música local, xantar e xogos populares centran os actos na área recreativa da Veiguiña
Hai unha data fixa ineludible no calendario festeiro da parroquia de Atios: o segundo domingo de cada mes de xuño, en que os comuneiros celebran a Festa do Monte. Unha xuntanza aberta a todos os veciños da parroquia e tamén a quen nos visita, coa que queremos enxalzar os valores do monte comunal, así como disfrutar dunha xornada de diversión e convivencia rodeados de natureza.

A área recreativa da Veiguiña, inaugurada hai agora 33 anos, acolle o domingo 8 de xuño unha nova edición da festa anual dos comuneiros. Arranca a xornada coa instalación do pulpeiro, un inchable para os cativos e a apertura do posto da comisión de festas de San Benito, que este ano recae no barrio de Alvarín. A charanga Cantos Somos comeza a súa actuación, que se alongará ata o remate da festa pola tarde, amenizando a xornada coa súa música popular e divertida.
Ás once e media entrarán no torreiro da área os compoñentes do grupo de baile e música tradicional Os Penediños de Atios, un orgullo para a parroquia logo de tres décadas difundindo o folclore galego e creando canteira de músicos e bailaríns. De seguido, a directiva da comunidade de montes ofrecerá un xantar de balde aos comuneiros e visitantes na caseta, recentemente ampliada. Aí estarán expostos os traballos dos nenos do colexio público de Atios que participan no concurso que todos os anos se celebra co gallo da Festa do Monte.
Despois do xantar, é a quenda dos xogos, organizados pola empresa de animación Cóxegas. Primeiro para os cativos, con interesantes actividades na contorna natural da área recreativa. E xa para o final quedan os xogos populares abertos a todas as idades.
O sábado terá lugar o PEDRAQUEFALA FEST, evento musical que se estrea cun cartel de grupos de rock da contorna encabezado por Pink Porris

Este ano dámoslle un novo formato aos concertos da véspera, o sábado a noite, na carpa instalada na área da Veiguiña. Arrancamos a primeira edición do Pedraquefala Fest, que nace con vocación de permanencia e mellora, aínda que neste ano o cartel xa é de gran atractivo.
Abre o festival a banda Caravananana, formación creada nunha caravana en Setúbal por Pedro Venceslau e Joâo Figueiras. Xa levan percorrido media Europa coas súas cancións e sorprendendo alí onde fan soar o seu directo impresionante.
O prato forte da noite sérveno os Pink Porris, banda creada en Atios, que arranca os sons do mesmo corazón dos penedos das nosas canteiras. Unha explosión de ghranito e rock an roll que hai que vivir en directo. Na Veiguiña presentarán os novos temas, cos que seguro farán bailar e suar aos presentes. Son un caza de combate sen freos ao que subes ou te afastas!
Pecha a noite The Lelli Kellys, a banda procedente do Morrazo cunha posta en escea rabiosa e sen complexos. Vén de ser gañadora do Salvaxe Sons do Wild Fest e finalista no Rock In Río Tea. Están en plena xira de promoción do seu primeiro LP.
A entrada é de balde. Hai aparcamento nas inmediacións e posibilidade de acampada previa solicitude e segundo dispoñibilidade.
Unha fin de semana de festa no e polo monte comunal.
A reserva de mesas para o xantar realizarase de xeito presencial, o 7 de xuño, ás 11.00h na área da Veiguiña. No seguinte documento podedes consultar a posición das mesas.



