Os nenos do colexio de Atios participaron esta mañá nunha xornada de plantación no monte comunal do Roxo. Os traballadores da comunidade ensinaron aos cativos todos os pasos que hai que dar para garantir que a planta asente ben no terreo, medre e dea froito.

Logo da corta do piñeiro que había nesa zona, decidimos dedicar o terreo a outro tipo de cultivo. Aínda que o tipo de solo non é o máis acaído para algunhas variedades, optamos por experimentar coa plantación de árbores froiteiras: cerdeiras, pereiras, maceiras, ameixeiras, etc. veremos como evolucionan e a ver se podemos disfrutar do seu froito.

Do que si estamos seguros é de facer boa sementeira entre os cativos, cunha actividade que promove o achegamento das nenas e nenos ao medio natural. Que aprendan do traballo no monte, de como hai que traballar a terra para obter froitos no futuro. Eles son quen o farán posible no día de mañá.