O Centro Social e Cultural acolle unha exposición de fotografía realizadas por Carlos Giráldez, veciño de Atios. A mostra inclúe 40 imaxes que amosan o talento e creatividade do noso paisano, un fotógrafo autodidacta que entrou de cheo no apaixoante mundo da fotografía sen máis ferramentas que unha cámara e unha inesgotable curiosidade.Canteiro de profesión que tivo que deixar pola doenza da silicose, a súa afección comezou alá por 1995 cando adquiriu a súa primeira cámara, unha Yashica réflex analóxica. Empezou traballando en modo automático, pero axiña se decatou de que non obtiña os resultados desexados. Así que foi perdendo interese e gardou a cámara nun caixón, só a sacaba para eventos familiares.

Pero co paso do tempo volveu avivarse a curiosidade pola fotografía que prendera nel de mozo. En 2011 mercou unha Nikon d 7000, unha boa cámara a que decidiu sacarlle todo o proveito. Aprendeu axiña coa lectura de manuais e cursos en internet. Aí descubriu as infinitas posibilidades da fotografía manual. Desconectou o botón de “automático” e adicou horas e horas a practicar co obxectivo, coa luz, co diafragma… Segundo el mesmo recoñece “ao principio foi bastante difícil, pero logo empecei a ver cousas que me gustaban e engancheime de tal maneira que todo o tempo libre que tiña dedicábao a ler libros e facer cursos en internet relacionados coa fotografía”.Recentemente adquiriu a  Nikon D 810, un aparello de categoría superior co que descubriu enormes posibilidades. Carlos Giráldez aconsella aos que desexen mergullarse neste que “merquen unha cámara réflex, que fagan un cursiño de iniciación, e que esquezan a opción `automático´. É mellor empezar en semi automático, para logo dar o paso a manual. A partir daí comeza un mundo por explorar”, asegura.
Nesta exposición, que se manterá ata o día 15 deste mes na cafetería do centro social, hai unha boa mostra da que, confesa o propio autor, é a súa paixón: o “macro”, é dicir abrir o foco ata captar a beleza dos obxectos, animais ou plantas máis pequenos que nos rodean. Ao final da exposición sortearase entre todos os que se acheguen a vela, unha copia dunha das fotografías feita en cartón pluma a tamaño 30×40.

Esta é a segunda mostra que organiza Carlos Giráldez, que se puido ver o pasado verán no Círculo Recreativo Cultural do Porriño. Xa está preparando unha terceira exposición. Non dubidamos en poder contar con ela tamén no Centro Social e Cultural de Atios.