O vindeiro venres, 13 de xaneiro, ás 18:30 h, o Centro Cultural de Atios acollerá unha charla-coloquio sobre xadrez, coa mestra internacional de xadrez Karen Zapata (Perú).

Esta actividade é froito da colaboración de Xadrez Galego co Concello do Porriño, que desenvolven o proxecto “Xadrez no Porriño”, que pretende crear un club de xadrez porriñés.

Baixo o título “Como vencí a los ajedrecistas”, a campioa peruana de xadrez iberoamericano fará un percorrido pola súa vida, cos seus grandes éxitos e as súas maiores dificultades, contadas con sinxeleza e emoción, e que acompañará con imaxes do seu querido Perú e mais das súas viaxes competindo polo mundo.

Esta muller, nai de tres fillos e campioa de xadrez, consegue motivar e sensibilizar o público co relato da súa experiencia vital, que resume no proverbio chinés: “se caes sete veces, levántate oito”.

Ademais relatará tamén os seus próximos retos e provocará un divertido e participativo coloquio.

A charla-coloquio está aberta a todas as idades, e está especialmente orientada ás persoas afeccionadas ao xadrez, deportistas e colectivos desfavorecidos (persoas desempregadas, discapacitadas ou maiores), para as que tamén dará consellos para motivarse na vida.