Despois da longa paréntese da pandemia, recuperamos por fin unha das actividades que máis nos conectan coa natureza e que máis atractivo espertan nos amantes do monte e os seus valores. As Xornadas Micolóxicas volven celebrarse tal e como as deixamos na última edición. E vai xa para once anos que mantemos esta actividade para a divulgación e degustación dos cogomelos, dos que no monte de Atios hai unha ampla variedade.


Comezamos o venres no colexio público de Atios, cos alumnos do sexto curso. Alí teremos a primeira hora unha charla divulgativa adaptada aos cativos para se mergullaren no amplo mundo dos fungos e a micoloxía. Expertos da empresa Myco Galicia Plantae, vencellada a Universidade de Vigo, darán toda a información que os nenos demanden, apoiados en fotografías, gráficos e infografías que lles fagan máis amenas as explicacións. Logo sairemos para poñer en práctica o aprendido. Distribuidos en grupos percorreremos o monte na procura dos cogomelos que se dan na nosa contorna. Máis tarde, o experto ampliará as explicacións cos exemplares recollidos.


E o domingo, como vén sendo tradicional, é a quenda dos maiores, aínda que tamén poden sumarse os máis pequenos da familia. Subiremos ao monte moi cedo para recoller cantos cogomelos poidamos, sempre dentro do que marca a normativa, claro está. Cómpre ir provistos de cesto e ferramenta para a colleita. Antes de iniciar a xornada, o experto dará as indicacións pertinentes para sermos respectuosos co entorno e co recurso micolóxico. Logo, cos fundos no cesto, baixaremos ata a cafetería do centro cultural onde poderemos degustar os pratos máis sabororosos elaborados co froito máis prezado do outono. Contamos de novo convosco.

Este é o punto de encontro para o domingo.

https://goo.gl/maps/yLU7umnpARMjzenr6