O actor e monologuista Cándido Pazó actuará este sábado, 19 de novembro, ás oito e media do serán, no Centro Social e Cultural de Atios. Presenta o espectáculo “Que comerá o rei?”, unha narración oral de contos e anécdotas inspiradas nos textos e debuxos de Daniel Rodríguez Castelao. O insigne galeguista e a emigración centran as xornadas do mes cultural, organizadas pola Asociación Cultural Os Penediños de Atios.
O espectáculo, que porá en escena Cándido Pazó no auditorio do centro cultural de Atios, está centrado na figura de Castelao, na súa vida, na súa obra literaria e ensaística e tamén na actividade política. Un evento no que colabora a Deputación Provincial de Pontevedra. Este 2016 deuse en chamar Ano Castelao porque se conmemoran tres efemérides relacionadas co polifacético autor, nado en Rianxo en 1886: o centenario da súa chegada á cidade de Pontevedra, o 75 aniversario da estrea de Os vellos non deben de namorarse, e o Día das Artes Galegas, que este ano está dedicado ao ilustre rianxeiro.
A emigración, que coñeceu tan ben o propio Castelao, ocupa outra das actividades nesta fin de semana. Os membros da asociación cultural organizan unha exposición fotográfica con instantáneas relacionadas coa emigración e que foron recollidas de entre os propios veciños de Atios. Foron e son os veciños da parroquia os que pasaron temporadas traballando no estranxeiro. Alemaña, Francia, Suiza, Arxentina, Venezuela ou Brasil foron os principais destinos do emigrantes de Atios. A exposición pretende render unha homenaxe as mulleres e homes que tiveron que deixar o seu fogar e lugar de orixe para atopar unha situación laboral diferente e mellor.
A emigración foi tamén o tema do concurso de debuxos no que podían participar os nenos do colexio de Atios. Os traballos están expostos no centro Cultural. Un xurado composto por mestres do colexio e diferentes persoas de Atios selecionaron os gañadores. Os premios do concurso serán entregados o domingo día 20 de novembro. Antes da entrega de premios, que está prevista para as sete da tarde, haberá unha festa infantil a cargo da Asociación Educativa e Sociocultural Cóxegas, na que non faltará actividades de tatuaxe, baile, xogos, etc..

