Cogomelos, castañas, viño novo e todos os sabores deste tempo poden degustarse na I Festa do Outono que organiza a Asociación Cultural os Penediños de Atios, en colaboración coa comunidade de montes. Durante tres días haberá diversos actos para que nenos e maiores disfruten da micoloxía e os magostos.

O programa desta I Festa do Outono inclúe as VII Xornadas Micolóxicas que ven organizando a xunta de montes. Así, o xoves día 10 os nenos de 5º e 6º curso de primaria do colexio público de Atios participarán nunha actividade de iniciación á micoloxía. As nove e media da mañá un experto impartiralles unha charla para que coñezan de xeito moi didáctico e divertido o mundo dos fungos, o seu uso gastronómico e, sobre todo, a perigosidade de determinadas especies. Logo da charla subirán ao monte acompañados do experto, dos mestres e do persoal da comunidade de montes.

cogomelos-1

Imaxe dunha  pasada edición das xornadas micolóxicas en Atios.

O sábado 12 é o gran día da Festa do Outono. As cinco da tarde, no Centro Social e Cultural haberá unha exposición de cogomelos e un obradoiro para os cativos, en que desenvolverán actividades relacionadas con esta estación do ano. Apenas unha hora máis tarde todos os veciños están convidados a un magosto, no que non faltarán as castañas asadas, o viño novo, as filloas, etc. Para rematar este día, o auditorio do centro Cultural acollerá un festival de cantareiras, coa actuación dos grupos Os Afoutos de Ponteareas e Os Penediños de Atios.

E o domingo 13 ten lugar a segunda parte das Xornadas Micolóxicas, aberta a todos os veciños e visitantes. As nove e media da mañá xuntámonos na área recreativa da Veiguiña para, dende aí, saír en grupos polo monte adiante para recoller cogomelos. Logo, o mesmo experto que estivo na xornada do xoves, explicará as características dos exemplares recollidos e resolverá as dúbidas que se lle formulen. A actividade remata na cafetería do Centro Cultural onde degustaremos algúns pratos variados preparados con cogomelos.

161104_cartazoutono_web

E para rematar a fin de semana, o domingo ás 19 h., haberá un Festival de corais, coa presenza das corais polifónicas Val do Avia de Ourense, Novas Voces de Celado-Mos e, exercendo como anfitrioa, a Coral Polifónica de Atios.

O que se pretende é continuar coa difusión da micoloxía, concienciar sobre a importancia deste recurso natural para o coidado do monte e, sobre todo, que os veciños participen das auténticas tradicións do outono.