Despois de máis de ano e medio de pandemia, a comunidade de montes de Atios celebra por fin este sábado 22 de maio asemblea xeral ordinaria. É a primeira que podemos organizar desde outubro de 2019. As sucesivas vagas da pandemia e as restricións impostas polas autoridades sanitarias frustraron os dous intentos feitos en 2020. Se nada o impide o día 22 xuntarémonos no pavillón do colexio público de Atios, un espazo amplo que reúne as condicións acaídas para manter a distancia de seguridade entre os asistentes. Cinguirémonos aos límites de acollida vixentes e disporemos de todas as medidas de protección obrigadas por lei.

É importante a reunión do máximo órgano de decisión dos comuneiros de Atios, xa que deben ser aprobados diversos asuntos vitais para o  funcionamento da comunidade. Someteremos á aprobación os balances contables de 2019 e 2020, así como os orzamentos de 2021. Levamos na orde do día temas de interese como a actualización dos estatutos da comunidade, para ampliar dereitos e obrigas dos comuneiros. Trataremos tamén o proxecto da empresa Red Eléctrica de España (REE) para a instalación dunha Liña de Alta Tensión (LAT) sobre terreos comunais. Someteremos á asemblea a proposta de externalizar, mediante cesión dun dereito de superficie, a xestión forestal dunha parte do monte comunal. E daremos conta tamén de asuntos de interese para a comunidade de montes, e para a parroquia de Atios en xeral, como é a situación das canteiras, o procedemento do deslindamento administrativo do monte comunal, o preito co concello polo campo de tiro, os traballos de limpeza e mellora en espazos naturais do monte, etc.

Proxecto da LAT de Red Elétrica
Traballos de limpeza do monte

A primeira convocatoria será ás 17:30 e a segunda ás 19:30. Será unha sesión longa, pero necesaria. Agardamos que ningunha incidencia de última hora impida de novo a celebración da asemblea.