No ano 1998 o Tribunal Supremo frustraba as esperanzas da parroquia de Atios de sentirse dona de todos os seu montes. Naquela sentenza, da que por certo foi poñente un maxistrado galego, o xuíz dixo que os veciños de Atios non podemos obter beneficio do aproveitamento das canteiras, que o titular é o Concello e a el lle corresponden as rendas do negocio.

Perdeuse esa batalla pero non a guerra, como se adoita dicir. Queda aínda unha posibilidade de que os veciños sexan donos do que sempre foi patrimonio comunal. Ese camiño que aínda está por explorar é a reclamación na vía civil –o preito anterior expuxérase na vía do contencioso-administrativo- da propiedade dos terreos nos que están asentadas as explotacións de granito, as canteiras. Por esa vía transitaron con éxito outras comunidades e por esa vía vai camiñar tamén Atios.

Se gañamos, os cartos que agora os canteiros pagan ao Concello terán que entregalos á parroquia. Arestora o Concello do Porriño recada algo máis dun millón de euros ano polas explotacións de Atios e Budiño. A Atios pertence arredor do 60%.

Se a Cabral, Teis ou Amoedo lles foi recoñecida a titularidade dos terreos do aeroporto, a Madroa ou o parque empresarial respectivamente, por que a Atios non se lle vai recoñecer? Os camiños da Xustiza son inescrutables, sabémolo, pero cremos que temos a razón do noso lado. Se nos asiste o dereito que nos asista tamén a xustiza.

A asemblea do pasado 9 de abril aprobou por unanimidade emprender este reto. A cuestión require un importante traballo previo. En primeiro lugar debemos identificar a superficie concreta que imos reclamar. Comezaremos polas superficies das canteiras que o Concello ten delimitadas na parroquia de Atios e en función das cales lles cobra un canon de ocupación ou arrendamento. Son datos oficiais públicos e deles partiremos.

CC3

En menos de cinco anos, se o asunto non se atranca polo medio, Atios saberá se lle corresponde ou non a propiedade dos terreos onde están agora as canteiras. Se a comunidade gaña o preito, os cartos que agora os canteiros pagan ao Concello terán que entregalos á parroquia. Arestora o Concello do Porriño recada algo máis dun millón de euros ao ano polas explotacións de Atios e Budiño, unha cantidade que se obtén de multiplicar 1.190.000 m2 que ocupan as canteiras por 0.90 euros, o prezo do m2. A Atios pertence arredor do 60 % da superficie e en consecuencia tamén lle corresponde o 60 % da recadación. Falamos dunha renda de máis de medio millón de euros anuais só para a parroquia. Pero son contas da leiteira que non cómpre facer alegremente xa que a última palabra a teñen os tribunais.

Dende o concello do Porriño o asunto vese con preocupación. As arcas municipais deixarían de percibir un ingreso importante. É certo que na actual situación de crise económica a contribución das canteiras é agora moi inferior a esa cantidade. Moitas empresas non están a abonar o canon e non se sabe como evolucionará o sector nos anos vindeiros. Ademais estase a pensar nun cambio no sistema de recadación, trocar o cobro do canon por un aluguer ou un concepto semellante. Chegado o momento, e se a sentenza é favorable, a comunidade de Atios subrogarase nos contratos de arrendamento que o Concello teña subscrito cos canteiros.

Debemos identificar a superficie concreta que imos reclamar. Comezaremos polas superficies das canteiras que o Concello ten delimitadas na parroquia, e en función das cales lles cobra un canon de ocupación ou arrendamento.

  • O proceso consta de varias fases, son as seguintes:
  1. A primeira consiste na reclamación administrativa previa  a vía xurisdicional civil ante o Concello do Porriño, que ten un prazo de tres meses para resolver. Este é un trámite obrigatorio antes de presentar a reclamación na vía xudicial.
  2. Transcorridos eses tres meses pódese presentar xa a demanda civil ante os xulgados de 1ª instancia do Porriño. Nesta fase o previsto é que non haxa resolución nun prazo inferior a dous anos, dependendo do xulgado que toque.
  3. Contra a Sentencia de 1ª instancia cabe interpoñer pola parte que perda recurso de apelación ante a Audiencia Provincial de Pontevedra. Entre seis meses e un ano tardaría
    a Audiencia en ditar sentenza.
  4. E, finalmente, contra esta sentenza de 2ª instancia (apelación) cabe interpoñer pola parte que perda recurso de casación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Aquí, no alto tribunal galego con sede na Coruña, remata o proceso para ben ou para mal. A resolución podería tardar arredor dun ano.