O martes 19 de setembro, ás 9:30 da mañá, terá lugar no xulgado de 1ª Instancia e Instrucción nº 3 do Porriño o xuízo pola reclamación, por parte da comunidade de montes de Atios, dos terreos ocupados polas canteiras de granito situadas dentro do monte veciñal Carrascal e Laxedo, parcelas que agora son de titularidade municipal. É unha data longamente esperada polos comuneiros, e veciños de Atios en xeral, xa que chega máis de catro anos despois de que a directiva da comunidade interpuxera a demanda civil contra o concello do Porriño o 23 de xullo de 2013.

Dende o incio do procedemento o preito sufriu innumerables atrancos, provocados principalmente polas manobras claramente dilatorias da parte demandada. Esta vista oral estaba fixada para o pasado 19 de abril, pero un problema co informe pericial solicitado polo concello obrigou a retrasalo ata agora. Durante estes catro anos celebráronse catro audiencias previas, o que dá idea da complexidade que acadou o asunto. Aínda que a CMVMC de Atios subrogou e respetou os contratos de cesión vixentes, foi obrigada a codemandar, porque o concello solicitou o litisconsorcio, a 22 empresas de granito e áridos que figuran como arrendatarias de terreos dentro da parroquia de Atios, nas parcelas que son reivindicadas pola comunidade de montes. Temos que dicir que de todas as empresas demandadas, só unha se opuxo á nosa demanda. Trátase dunha que curiosamente, non ten actividade dende hai máis dunha década (Astimade, titular da antiga astilladora de madeira de Vilafría) e que abandonou os terreos que ocupaba en 2011. Esta empresa –que non ten en absoluto ningún interese no tocante á propiedade do monte- foi, como se denunciou públicamente no seu día, utilizada polo anterior goberno de Nelson Santos para introducir no preito máis barullo co que tratar de dificultar a reclamación dos veciños e veciñas de Atios.

Unha demanda xusta

Confiemos en que non xurdan máis atrancos e por fin poida dilucidarse en sede xudicial o que para os veciños de Atios é unha reivindicación histórica. E confiamos en que a xustiza poña fin ao que consideramos unha anomalía xurídica e administrativa, que comeza en 1987 cando o Xurado Provincial de Montes deixou 169 hectáreas (precisamente onde están as canteiras) do monte Carrascal e Laxedo fóra da clasificación como monte veciñal. Deste xeito esa porción do monte seguía en mans do Concello, quen percibiu durante todo este tempo as rendas do alugueiro. Unha resolución que se afasta por completo da realidade histórica e presente do monte comunal de Atios e que agora tratamos de revertir mediante este xuizo. O xurado deixou fora as canteiras aducindo que esa parte do monte fora “detraída do aproveitamento consuetudinario” por parte dos veciños de Atios. Pero este argumento non se sostén, xa que contradí a realidade histórica e presente do propio monte, ademais de bater frontalmente contra a longa xurisprudencia existente sobre a materia.

Esa parte do monte Carrascal e Laxedo, do mesmo xeito que a parte que sí foi clasificada como comunal, sempre foi aproveitada polos veciños: para estrume, pastos, madeira e mesmo pedra. Si, pezas de granito, que se usaban para a construción de vivendas, muros, peches ou postes de viña. O feito de que esas pequenas explotacións de granito, que comezaron os veciños de Atios para consumo propio, derivaran despois en grandes industrias mineiras, non pode para nada significar que o monte Carrascal e Laxedo deixe de ser monte comunal. Pero ese foi o argumento do Xurado de Montes: como o monte xa non o aproveitaban os veciños, pois daquela xa non é comunal.

A situación na que se atopa esta parte do monte de Atios é unha completa anomalía. A outras parroquias, como é o caso de Teis, Salcedo, Tameiga ou Cabral, a Xustiza recoñeceulles a propiedade de terreos onde agora hai campos de fútbol, un cuartel militar, un polígono industrial ou, incluso, un aeroporto! Por que, entón, a Atios non se lle vai recoñecer a titularidade duns terreos onde hai unha actividade tan ligada ao aproveitamento do monte como é unha canteira de granito? É máis de “uso veciñal” un cuartel militar, un polígono industrial ou un aeroporto!?

Todos os veciños de Atios temos, absolutamente e sen ningún xénero de dúbidas, moi claro cal é a identidade do noso monte, cales son os seus límites xeográficos, cales as súas dimensións e cales os seus lindeiros. Non hai, na nosa opinión, ningún argumento xurídico de peso, que vaia ao fondo da cuestión, polo que poida negarse a demanda dos veciños de Atios.

Reclamación de cantidades

Paralelamente á reivindicatoria civil da titularidade dos terreos, a CMVMC de Atios reclámalle tamén ao concello o pagamento das rendas percibidas en concepto de arrendamento dende o 1-01-2008 (data en que rematou o convenio asinado entre o concello e a parroquia de Atios para o reparto das rendas das canteiras) ata a actualidade.

Neste punto temos que lamentar públicamente que – segundo certifica o interventor municipal mediante escrito presentado no xulgado, e incorporado á causa, o pasado 22 de febreiro- o concello do Porriño fixo deixación da súa función recadatoria. Isto é así, porque que en 9 anos o concello só ingresase por concepto de alugueiro dos 620.000 metros cadrados que ocupan as canteiras ubicadas en Atios, 1.877.088,53 euros. É dicir, algo máis de 200.000 euros ó ano, tan só un terzo do que debera ser. Admitimos que moitas explotacións levan anos sen actividade e algunha incluso está abandonada, pero entendemos que é difícilmente xustificable este desleixe recadatorio, que prexudica a todos os veciños do Porriño, non só aos de Atios.

Expoñemos estes datos para poñer de relevo que o concello do Porriño sempre se presentou como titular con todos os dereitos das canteiras de Atios, pero logo desatende a súa función de control e recadación sobre os mesmos. Un desleixe na xestión que prexudica as arcas públicas municipais e que repercute de xeito negativo nos servizos que presta aos cidadáns.