O 23 de xullo de 2013 a comunidade de montes de Atios presentou unha demanda civil contra o concello do Porriño, para reivindicar a titularidade dos terreos ocupados polas explotacións de granito que se asentan en montes veciñais da parroquia. Dende entón o xulgado de primeira instancia e instrucción nº 3 do Porriño, que leva o caso, apenas avanzou na instrucción que debe desembocar na celebración do xuízo. Tal e como solicitara o concello, a xuíza aceptou o litisconsorcio e a comundiade de montes tivo que demandar tamén a 22 sociedades e persoas físicas que tiñan un título de cesión sobre os terreos que Atios reivindica. A comunidade de montes expuxo aos canteiros a súa intención de subrogarse nos contratos de arrendamento que están en vigor, polo que o cambio de titularidade nos lles suporía un gravame económico.

Prácticamente todos os empresarios declinaron persoarse no preito porque entenderon que se trata dun conflito sobre a propiedade dos terreos das canteiras entre o Concello e os comuneiros de Atios, que non lles afecta na súa actividade, nin nos seus dereitos de arrendamento.

CC2

Só unha empresa decidiu persoarse no preito para opoñerse á demanda interposta polos comuneiros de Atios, defendendo que é o Concello do Porriño o lexítimo propietario dos terreos das canteiras. Trátase de Astillados de Madera, S.L. (ASTIMADE, S.L.), que, segundo ven de certificar o secretario municipal do concello do Porriño, leva sen actividade case unha década e que o 9 de Agosto de 2011 fixo entrega da parcela, finalizando así unha ocupación de trinta anos.

Houbo que ampliar a demanda tamén aos socios dunha comundiade de bens, titular dunha concesión, que non figuraba na listaxe inicial de codemandados.

Estas cuestións deben ser resoltas pola xuíza antes de sinalar a data do xuízo, pero polo de agora non se produciron avances no procedemento. Entrementres o concello está a percibir os rendementos económicos dunha ocupación dos terreos que os veciños de Atios consideran de propiedade comunal. Dende aquí solicitamos celeridade á xustiza para que a demanda lexítima dos veciños de Atios sexa atendida.