A comunidade de Montes denunciou os feitos ante a Confederación Hidrográfica e Medio Ambiente.
Persoal da concellería de Vías e Obras do Porriño e unha empresa contratada polo concello levaron a cabo obras na contorna do fonte do Souto, ubicada no lugar da Costeira, barrio do Rial, na parroquia de Atios. Nun principio as obras consistiron na entubaxe e soterramento do regato que sae da presa na que verte a fonte, para abrir alí unha especie de praza. Unha obra da que descoñecemos a súa urxencia, a súa utilidade e tampouco sabemos quen a demandou.
A situación agravouse cando os operarios meteron as máquinas no sendeiro que da acceso á fonte, desconfigurando por completo o lugar: cortaron as árbores que lle daban sombra e frescura ao manancial, desbastaron cunha excavadora un penedo que sostén o muro de terra natural e, por se fora pouco, mesmo tocaron no cano da fonte, colocando unhas pedras que impiden a saída da auga. Por se o estrago non lles parecera suficiente, colocaron unha fileira de pedras, xuntadas con cemento, para elevar o muro rústico que hai dez anos construira o propio concello. Unha auténtica chapuza que estraga todo o encanto natural do lugar.
Ante a queixa dos veciños polos danos causados na fonte a xunta reitora da comunidade de Montes puxo as obras, que consideramos un atentado medioambiental, en coñecemento tanto da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil como da Consellería de Medio Ambiente. Non atopamos sentido a unha actuación así. Era –porque xa non o é- unha das fontes mellor conservadas da parroquia. En tempos do goberno bipartito BNG-PSOE, o concello levara a cabo unha coidada restauración, limpando o manancial e protexéndoo cun muro rústico, sen cemento, que lle daba frescura e beleza ao lugar. Pero agora, estas obras, que non foron consultadas cos veciños, estragan por completo a paraxe. Descoñecemos por que o concello decidiu levalas á cabo e ignoramos se conta coas autorizacións correspondentes.
Ante a ausencia dunha Asociación de Veciños que eleve a voz contra estas tropelías, é a xunta de montes quen se fai eco das queixas dos veciños. Atios necesita investimentos máis urxentes e necesarios ca este. E moito nos tememos que esta actuación responda ao interese caciquil dalgún político que estea preparando xa o carrexo electoral. Temos entendido que un dos promotores desta desfeita é un coñecido cacique local, alcumado O Xeiteiro. Desgraciadamente por toda a parroquia hai sobradas mostras da “eficiencia e fermosura” das súas obras.
Os veciños de Atios non merecemos personaxes “benefactoras” coma el, nin tampouco gobernantes que van por libre sen contar coa veciñanza.