Hoxe en día ninguén no ámbito xurídico, administrativo ou académico de Galicia cuestiona o carácter veciñal en man común dos montes pertencentes ás parroquias. Unha realidade que é refrendada polas múltiples sentenzas que o TSXG ten emitido ante a reclamación de propiedade formulada polas comunidades de montes de lugares como Cabral (o aeroporto de Peinador), Teis (instalacións deportivas da Madroa), Salcedo (cuartel da Brilat), Amoedo (polígono industrial), Xeve (matadoiro), Tameiga (monte Faquiña), e un longo etc. A xurisprudencia é abondísima á hora de recoñecer a titularidade veciñal dos montes que históricamente foron aproveitados polo común dos veciños. As canteiras situadas nas parroquias de Atios e Budiño non poden nin van ser unha excepción. É indubidable que forman parte dos Montes Pedra que Fala, Cerola e Faro ou Carrascal e Laxedo. Arestora as dúas comunidades teñen presentadas en vía xudicial senllas reivindicatorias pola titularidade deses terreos. Moi probablemente, atendento a xurisprudencia existente, as sentenzas sexan farovables ás comunidades de montes e as canteiras -que no seu día foron clasificadas en vía administrativa a favor do concello do Porriño- pasen a ser definitivamente propiedade dos comuneiros de Atios e Budiño.

Ante esta realidade, as xuntas reitoras das comunidades de montes de Atios e Budiño fan un exercicio de responsabilidade e propóñenlle aos grupos políticos da corporación porriñesa un acordo que resolva pola vía amistosa o preito xudicial e poña fin a un conflito histórico. Ao longo das últimas semanas representantes das dúas xuntas reitoras mantiveron reunións por separado con cada grupo político con presenza na corporación. As reunións tiveron lugar no Centro Social e Cultural de Atios. A todos se lles deu traslado da proposta de acordo, que se basea nos seguintes puntos: que se recoñeza por parte do concello do Porriño que as canteiras son monte comunal; que se repartan ao 50% os ingresos obtidos polo alugueiro dos terreos; que as comunidades de montes se subroguen nos contratos de cesión vixentes entre o concello e as empresas; e que as comunidades renuncien ao cobro das cantidades reivindicadas dende o remate do anterior convenio, que rematou en 2007.

Reunión co PSOE

Reunión con UDDL

Reunión co BNG

Reunión con EU-SON

Reunión con Sabela Landín

O conflito pola titularidade dos terreos onde se asentan as explotacións de granito do Porriño, leva moitos anos consumindo esforzos e cuantiosos recursos tanto do Concello como das parroquias de Atios e Budiño. Este asunto foi causa ao longo do tempo de enfrontamentos entre os veciños afectados e os distintos gobernos locais, insensibles ás lexítimas demandas das parroquias. Dende 2008 o concello recadou das empresas mineiras, en concepto de alugueiro dos terreos, unha cantidade superior aos 10 millóns de euros. Uns pingües ingresos que non revertiron de ningún xeito na mellora dos veciños das parroquias afectadas pola actividade extractiva. Ante a imposibilidade de atopar unha saída consensuada co concello, as dúas comunidades de montes decidiron recorrer á vía xudicial civil para que se lle recoñeza a titularidade lexítima das canteiras.

Entendemos que se trata dunha proposta xenerosa por parte das parroquias que máis sufren o impacto da actividade mineira, pero tamén é xusta e beneficiosa para as dúas partes. Agardamos que os grupos políticos do Porriño actúen en defensa de todos os veciños, non só dos de Atios e Budiño. O acordo debera ser refrendado en pleno por unanimidade, o que esixe unha postura común de toda a corporación. De non ser ratificado o acordo, o concello expónse a unha perda do cento por cento dos ingresos (arredor de dous millóns de euros) que actualmente percibe en concepto de alugueiro das canteiras.