O Xulgado de 1ª Instancia e Instrucción nº 3 do Porriño ven de ditar sentenza sobre o preito das canteiras (celebrado en setembro do ano pasado) e dalle a razón á Comunidade de Montes de Atios na súa reivindicatoria sobre a propiedade das canteiras. No auto do 28 de febreiro, a titular do Xulgado, a maxistrada Adriana López Barcón, estima a demanda dos veciños e sentenza que as parcelas do Monte Carrascal e Laxedo onde se ubican as canteiras “son propiedade dos veciños de Atios, porque así as viñan poseendo dende tempos inmemoriais, e forman parte integrante e inseparable do Monte veciñal Carrascal e Laxedo”.

Trátase dunha sentenza histórica, que fai xustiza a tantos anos de agravio por parte do concello do Porriño cara os veciños da parroquia de Atios. A demanda foi defendida polo despacho de avogados de Calixto Escariz, cunha longa traxectoria na reivindicación dos montes veciñais e que constitúe todo un referente na extensa xurisprudencia que hai sobre a materia.

A xunta de montes de Atios aplaude a valentía da xuíza á hora de fundamentar esta sentenza, xa que entra no fondo do asunto, avalía toda a documentación presentada e ten en conta a proba testifical e pericial. Un traballo obxectivo e honesto que lle leva a concluir, como non podía ser doutro xeito, que “non existe dúbida de que o monte Carrascal e Laxedo é un monte veciñal en man común, e, tanto da declaración da testemuña Ramona Maceira, veciña de Atios de 83 anos, como do extenso e documentado informe pericial elaborado polo enxeñeiro agrícola Ángel Bravo, despréndese que as parcelas reclamadas –onde se ubican as canteiras- forman parte do monte Carrascal e Laxedo desde tempo inmemorial e que dende sempre foron aproveitadas polos veciños para pastos, estrumes e recursos forestais”. Sinala con acerto a xuíza que o feito de que agora esa parte do monte, que o xurado provincial deixara fora da clasificación como veciñal en 1987, se dedique a explotacións mineiras e estea inscrita a nome do Concello do Porriño, non desvirtúa a propiedade comunal xa que “ningunha eficacia pode ter una inscrición rexistral fronte a una posesión inmemorial” por parte dos veciños.

A sentenza da por probado que o monte veciñal de Atios está “perfectamente identificado e delimitado”, como así o ratificou na vista oral o propio perito xudicial. A xuíza confire enorme relevancia á calidade e cantidade de documentos que achega o informe pericial de Ángel Bravo, un dos maiores expertos de Galicia en montes comunais. Documentos que se remontan varios séculos atrás, como é o caso do Catastro do Marqués de la Ensenada, do ano 1752, no que xa constaba a posesión veciñal desa parte do monte de Atios, que se mantivo inalterada ata a actualidade.

Dada a nova realidade xurídica, a Comunidade de Montes de Atios concertará na próxima semana unha reunión co Concello do Porriño para organizar a subrogación nos contratos actuais cos empresarios, de xeito que se opere unha transición pacífica e ordenada, que garanta a continuidade das actividades mineiras e industriais existentes no monte, mantendo sempre a mellor colaboración co Concello.

A comunidade de montes de Atios amosa a súa satisfación porque se trata dunha sentenza histórica, que corrixe unha anomalía e ditamina, por fin, que os veciños son propietarios con todo o dereito desa parte do monte Carrascal e Laxedo. Con todo, non satisface plenamente a demanda dos veciños, xa que absolve ao concello do Porriño de pagarlle á comunidade de montes as cantidades recadadas dende o ano 2008 e que ascendían a case 1,9 millóns de euros, máis os xuros. Entende a xuíza que o Concello era posuidor do boa fe deses terreos e non debe devolver aos veciños as rendas percibidas.

A seguir poden consultar a sentenza:

Sentenza canteiras