As parroquias, como entes veciñais de seu, son un elemento distintivo da organización social, territorial e administrativa de Galicia. Existen dende tempos moi antergos, a súa orixe puidera cadrar coa chegada dos suevos a esta parte da península ibérica, onde constituíron un reino propio que se mantivo durante tres séculos (do séc. V ao séc. VIII).

Dentro das demarcacións parroquiais existiu dende sempre un terreo cuxo aproveitamento se facía en man común, é dicir, era de todos, sen cotas, porque pertencía ao pobo como ente comunal. A evolución deste aproveitamento do monte por parte dos veciños de Atios ao longo dos séculos é parte fundamental e indisoluble da propia historia da nosa parroquia. O enxeñeiro técnico agrícola Ángel Bravo Portela, un dos maiores expertos en montes comunais do noso país, elaborou o informe en que a Comunidade de Montes de Atios sustentou a súa demanda civil pola titularidade das canteiras contra o concello do Porriño.

Un informe de gran valor, feito con absoluto rigor e profesionalidade, que pon de manifesto o indiscutible carácter veciñal dos terreos onde se asentan as explotacións de granito, maiormente situadas no monte Carrascal e Laxedo. E así se recoñeceu na sentenza do xulgado de Primeira Instancia nº 3 do Porriño, de febreiro de 2018, que lle deu a razón aos comuneiros de Atios fronte ao concello.

Ángel Bravo mergullouse nos distintos arquivos históricos para atopar todas as probas documentais dispoñibles para acreditar o indubidable carácter comunal do monte Carrascal e Laxedo. Dende o Catastro do Marqués de la Ensenada, do ano 1752, o escrito máis antigo que se conserva onde xa se menciona o monte, ata os documentos máis recentes. Un percorrido a través de centos de páxinas que revelan tamén episodios moi interesantes da propia historia da parroquia.

Documentos curiosos como o preito por un mollón chantado na Ponte de Prado, que deslindaba as parroquais de Atios, Budiño e Pontellas, e que desapareceu durante unha enchente do río Louro.

Documentación histórica como o decreto de Nueva Planta, do ano 1836, que deu orixe aos concellos, entre eles o do Porriño. É, xa que logo, indubidable que un ente de recente creación como o concello porriñés non pode atribuirse a posesión inmemorial do monte onde se ubican as canteiras, porque esa titularidade correspóndelle á parroquia de Atios dende a noite dos tempos.

constitución concello o porriño

Un traballo que consideramos de enorme interese e por iso queremos poñer a disposición de todo aquel que queira consultalo a través da nosa web. Ademais das probas escritas e oficiais, o informe contén tamén fotografías antigas que demostran como as canteiras non son máis que un moi recente aproveitamento do monte comunal. De toda a vida os veciños obtiveron pezas de pedra do monte. A mecanización do traballo mineiro converteu esas primeiras canteiras de oficio artesanal en auténticas explotacións industriais. Que sexan máis grandes os buratos non quere dicir en absoluto que non formen parte do monte comunal. Mal que lle pese ao concello do Porriño, as canteiras son monte veciñal, exactamente igual que a parte de explotación forestal. O Xurado Provincial de Montes en Man Común non o viu así cando fixo a clasificación no ano 1987 e deixou fóra a parte das canteiras, a máis lucrativa. O Xurado, ente administrativo, deixouse influenciar polos intereses espúreos do goberno local do Porriño, daquela en mans da dereita política, e dos empresarios canteiros. Ambos actores aliáronse para roubarlle aos veciños de Atios o seu patrimonio e repartilo entre os seus petos privados, xa que moi pouco quedou nas arcas municipais. Pero diso haberá tempo de falar noutra ocasión.

Agora só agardamos que a lectura deste informe sexa do seu interese. Coa publicación do traballo de Ángel Bravo procuramos asemade difundir a verdade do monte comunal de Atios, que tanto nos está custando defender nos tribunais.