É unha nova afronta á nosa parroquia por parte dun goberno local que carece xa de toda credibilidade.

Eva García de la Torre, nunha decisión que para a xunta reitora da comunidade de montes de Atios demostra a falla de afouteza e seriedade do goberno que preside, traizoa a palabra dada aos veciños e solicita no xulgado “deixar sen efecto” o acordo asinado por ambas partes, polo que se recoñecía a titularidade comunal dos terreos onde se ubica o antigo campo de tiro. Así o fai constar nun escrito presentado polo seu avogado o pasado 4 de maio ante o xulgado de Instrucción nº 1 do Porriño, onde se segue o procedemento xudicial.

A decisión da alcaldesa só responde ao seu interese persoal de defenderse ante unha hipotética denuncia por prevaricación, como se desprende dun informe elaborado ao efecto polo secretario municipal. Nese informe -en que destacan algunhas medias verdades difíciles de xustificar dado o coñecemento sobre a materia que ten o seu autor- déixase entrever que o goberno municipal incorrería nun delito de prevaricación por non defender o patrimonio municipal. Unha eventual denuncia neste senso está, ao noso parecer, destinada ao fracaso. Polas seguintes razóns.

Informe con medias verdades

O informe obvia, supoñemos que interesadamente, que foi a comunidade de montes de Atios quen durante toda a vida fixo acto de disposición dos terreos e por iso asinou un convenio de cesión por 15 anos coa sociedade de tiro. Obvia tamén o informe que as cesións realizadas polo concello no ano 2013 e o prego de condicións aprobado ao efecto foron anulados en sede xudicial. Non se menciona tampouco que a recente resolución da Consellería do Medio Rural (DOGA do 17 de xaneiro de 2017) sobre o terceiro treito do deslindamento administrativo do Monte Veciñal en Man Común de Atios di literalmente que non se considera a alegación formulada polo concello, porque “esta superficie encravada no monte (Carrascal e Laxedo) na parte nordés e con uso deportivo (a parcela do campo de tiro) non foi excluída na resolución de clasificación”, é dicir, está integrada na parte clasificada como comunal que é propiedade dos veciños. E por último, un aspecto irrelevante dende o punto de vista xurídico pero moi clarificador a respecto do teor que percorre todo o informe. Cremos que a opinión do secretario municipal, Eduardo Portela, non é imparcial pola súa afección persoal á práctica do tiro ao prato e da caza.

A petición do avogado do concello de deixar sen efecto a transacción coa comunidade de montes non se sostén, xa que a xustifica nas alegacións presentadas pola sociedade de tiro, ocupante (sen licenza, todo hai que dicilo, por iso leva pechado dende hai máis dun ano) dos terreos. Pero no escrito aportado ao xulgado, a sociedade de tiro di textualmente que “nada ten que manifestar a respecto da propiedade da parcela”. O que demostra a falla de consistencia na solicitude do concello.

Agardamos que o xulgado rexeite esta manobra e criticamos o cambio de postura da alcaldesa. Non nos parece seria a súa actitude. É unha nova falta de respeto aos veciños de Atios, que se suma á cometida no seu día cando, en contra da promesa realizada anteriormente, decidiu recorrer a denegación da licenza de actividade.

Demasiados agravios

O campo de tiro non é a única afronta do goberno local cara os veciños de Atios. O concello ocupa dende hai semanas e sen previo aviso, a parcela da antiga astilladora, situada en Vilafría e que é obxecto de litixio dentro da reivindicatoria das canteiras. Ante a obriga de desaloxar unha parcela en Torneiros, o concello, sen avisar nin comunicar o feito á comunidade de montes de Atios, comezou a trasladar pedras e outros obxectos á parcela da astilladora. Trátase dunha acción que demostra a prepotencia municipal e ao mesmo tempo a súa hipocresía, xa que noutros casos, como a construción dun novo acceso a un colexio en Torneiros, o goberno négase a actuar alegando que os terreos están en litixio. Non tivo tantos reparos para ocupar terreos en Atios!

E a isto hai que engadir a absoluta falla de xestión e desleixe no cobro dos arrendamentos das canteiras. Segundo información oficial achegada ao xulgado, o concello do Porriño deixou de percibir nos últimos anos varios millóns de euros en concepto de alugueiro das parcelas que ocupan as canteiras. Un asunto moi grave do que daremos conta en próximas comunicacións, xa que merece unha atención especial polos prexuízos que conleva para todas as veciñas e veciños, non só de Atios senon tamén de todo O Porriño. Por último, seguimos a espera dunha resposta á proposta de convenio realizada hai xa varios meses polas comunidades de Atios e Budiño.

Instamos ao goberno local, especialmente á súa máxima responsable, Eva García de la Torre, a que cumpra a palabra dada e poña fin ao preito do campo de tiro, un preito que ocasiona gastos para as dúas partes sen necesidade, xa que ese terreo foi, é e sempre será terreo comunal.