Dende a comunidade de montes queremos felicitar ao club de fútbol Unión Deportiva Atios por conseguir un histórico ascenso á Terceira División, un fito nunca antes logrado polo equipo da parroquia e que chega cando acaba de facer medio século de vida.

O ascenso de categoría, que ven de ser confirmado pola Federación Galega de Fútbol, aínda que se produce nestas circunstancias de crise sanitaria e coa competición sen rematar, recoñece sen dúbida o mérito deportivo gañado durante toda a tempada. O cadro dirixido por José Tizón mantívose á fronte da clasificación durante prácticamente as 26 xornadas disputadas, só superado á última hora polo Ribadumia.

Será unha tempada ilusionante, porén chea de dificultades e atrancos. Pero con afouteza e bo xogo, como ata agora, a UDA manterá seguro un bo nivel nunha categoría difícil, con rivais moi veteranos que non van regalar nada, seguro. A afección desfrutará de bo fútbol no Carballo.

O club de Atios, presidido por José Cebreiro á fronte dunha directiva dinámica e emprendedora, acada o mellor resultado da súa historia, agora que se cumpren cincuenta anos da súa creación. Un proxecto que tivo como xérmolo o Estrella Roja, que lembramos nesta imaxe do ano 1953 antes dun partido no vello campo da Escarabilleira, monte comunal de Atios agora ocupado polo polígono industrial.

Equipo de fútbol de Atios no campo da Escarabilleira
Foto Ramiro. Ca 1953. Cedida por Demetria Domínguez Silva

Dende a comunidade de montes apoiamos sempre ao principal, por non dicir único, conxunto deportivo da parroquia. Facémolo económicamente e na medida das nosas posibilidades, que certamente agora son moi limitadas. Oxalá toda a riqueza que pertence aos veciños de Atios, como a das canteiras, puidera reverter directamente na parroquia e non escaparse a través do concello a outros fins que nada teñen que ver con nós. Algún día esta situación mudará e Atios, tal como agora ven de lograr a Unión Deportiva, vivirá momentos históricos sendo dona por dereito de todo o seu monte.

Parabéns e a resitir en Terceira!