Malia estarmos en corentena, coa expresa prohibición de moverse sen xustificación, semella que o estado de alarma non vai cos que sempre queren facer mal, onde sexa, como sexa e cando sexa. Despois do parón obrigado polo estado de alarma para os sectores non esenciais, hoxe, na volta ao traballo, comprobamos que os malvados non descansan. Así actuaron os vándalos estes días de confinamento na área recreativa da Veiguiña, un fermoso espazo natural propiedade dos comuneiros e comuneiras e de todos os veciños e veciñas de Atios , e que todos os anos acolle a festa do Monte.

Foi quizais un quad de grandes dimensións, ou un todoterreo, aínda que non podemos precisar de que tipo de vehículo se trata. O que si sabemos é a ruta que seguiu e os danos que causou o seu desaprensivo condutor. Este, sen ningún tipo de escrúpulo, atravesou a longa escalinata de pedra situada no centro do recinto, e saíu por un sendeiro que discorre entre as mesas da área recreativa. No seu aloucado descenso rompeu unha decena de chanzos de pedra, pezas de grosas dimensións que só un vehículo pesado puido remover.

As pegadas son evidentes no empedrado, no carreiro e na saída do recinto. Descoñecemos a identidade do delincuente, aínda que non desbotamos que sexa alguén que vive preto e que coñece a zona. En todo caso, ten que tratarse dun malnacido e persoa moi ruín para facer algo así. Trátase de causar dano por simple pracer, non hai outra explicación.

atios

A directiva puxo os feitos en coñecemento das forzas de seguridade e agardamos que as pescudas para dar co autor ou autores destes feitos prosperen e dean froito. Mais o certo é que ata agora non tiveron efecto as reiteradas denuncias da presenza de motos, quads e todoterreos no monte de Atios: vehículos que lonxe de favorecer o desfrute do espazo natural, causan importantes danos en pistas e plantacións do monte comunal. Agardemos que , nesta ocasión, si se tome en serio esta gravísima acción e descubramos a persoa que causou un dano tan gratuído, para que responda dos seus actos e sexa escarmento para posibles usuarios irresponsables dun espazo público valioso e que todos debemos coidar e protexer.