A asemblea xeral ordinaria da comunidade de montes de Atios prevista para este sábado non poderá celebrarse finalmente. Responsables municipais puxéronse en contacto verbalmente co presidente da xunta reitora e comunicáronlle que, amparándose na orde de onte da Xunta, o Concello do Porriño non permite a celebración de eventos asemblearios, nin deportivos, nin doutro tipo que xunten máis de dez persoas.

Hai unha evidente discrepancia na interpretación da orde da Consellería de Sanidade por parte do gabinete xurídico da comunidade de montes e os responsables do goberno local, pero é evidente que debemos acatar a decisión da autoridade municipal. Gustaríanos que os responsables da Xunta de Galicia fosen máis concretos nos seus mandatos, xa que se está xerando unha controversia importante entre os colectivos afectados polas súas decisións.

Anunciamos a convocatoria hoxe mesmo, unha vez que recibimos o ditame xurídico dos nosos asesores, e apenas unhas horas despois temos que dar marcha atrás. Lamentamos as molestias ocasionadas aos comuneiros e veciños. Agardemos a que a situación sanitaria se normalice para recuperar a vida normal da comunidade, que precisa obrigadamente para o seu funcionamento das decisións que se toman en asemblea. Un feito que dadas as circunstancias por agora non é posible, coas consecuencias que iso conleva. Iso si, antepoñemos a saúde sobre todo o demais.