O vindeiro domingo 29 de outubro ponse en marcha a programación do xa tradicional mes cultural que organiza a Asociación Cultural Os Penediños de Atios. Arranca coa obra de teatro “Vaia lío de velorio”, escrita por Ana Santos e que pon en escea o grupo teatral Fontevella do Porriño, baixo a dirección de Chelo Pampillón. A representación terá lugar no auditorio do Centro Social e Cultural de Atios, ubicado no recinto de festas da Guía, o domingo 29 de outubro ás sete da tarde.
Ao longo do mes de novembro sucédense distintos actos nos que predomina a música. Así, terá lugar un festival folclórico o sábado día 4, en que actúa como anfitrión o grupo de baile e gaitas dos Penediños e conta, como grupo convidado, coa presenza do grupo de danzas da Asociación de Veciños de Leira, do concello coruñés de Ordes.
O prato forte do programa é o concerto do grupo de percusión tradicional (tambores, caixas e pandeiros) Pel e Pau, que actuarán o sábado 11 de novembro dentro do magosto, organizado polos Penediños. Como teloneiras terán ás cantareiras de Atios.
O domingo 19 de novembro está previsto o festival de Corais con agrupacións convidadas de Ribadelouro e A Coruña e péchase o programa co festival de playback o sábado 25 de novembro.