Lonxe de corrixir os danos causados ao manancial, que foron denunciados públicamente pola comunidade de montes, o concello continúa realizando obras na fonte que agravan o seu estado. Os traballos afectan de xeito directo ao propio nacente, á súa salubridade e á súa utilidade como fonte pública.Debido ás actuacións realizadas xa non é posible beber da fonte. Xa non bota auga. Non ignoramos que algo inflúe a seca, pero o pequeno parapeto de pedra colocado xusto no nacente fai que a fonte non abrolle como o facía antes. Ademais encheuse con grava branca a cunca da fonte e colocouse un enreixado que impide coller auga directamente do manancial.

Seguimos criticando e cuestionando a necesidade e utilidade destas obras. Acondicionar a contorna ou mellorar os accesos non pode servir de pretexto, baixo ningún concepto, para estragar desta maneira unha das mellores fontes da parroquia de Atios.Os usuarios da fonte protestan pola actuación do concello nun manancial público que agora perdeu a súa función. Xa ninguén se achega a beber e desfrutar da fonte. O espazo natural xa perdeu o seu encanto. Non é comprensible que se estrague  un ben público deste xeito. Os feitos foron postos en coñecemento da autoridade competente en materia de augas e tamén dos responsables de Medio Ambiente da Xunta. Descoñecemos se actuaron en consecuencia. Cremos que estas actuacións non deben quedar impunes e moi mal exemplo e mensaxe se traslada á sociedade se calquera pode atentar contra o medio natural sen ser sancionado.