O pasado domingo varios membros da xunta reitora, coa colaboración de voluntarias e voluntarios, participaron na plantación de castiñeiros na zona das Ínsuas. Máis de medio cento de árbores autóctonas que van ampliar o bosque de frondosas que existe dende hai décadas neste recuncho do monte de Atios.   

Apostamos polas especies do país como o mellor xeito de protexer o medio natural. Por unha banda promovemos a biodiversidade dos ecosistemas autóctonos e, pola outra, creamos cortalumes naturais que constitúen o mellor método para previr os incendios.  

Mentres a comunidade de montes de Atios non teña outra fonte de ingresos, a produción forestal segue a constituir a nosa principal vía de financiamento. Aínda así, tratamos de combinar a función produtiva coa necesaria dimensión social, recreativa e ecolóxica do noso monte. Dende o ano 1994 -en que se elaborou o primeiro Plan de Ordenación Forestal do monte de Atios-, duplicamos a superficie de hectáreas destinadas a especies frondosas. Pasamos das algo máis de 20 hectáreas, ata as 55,9 hectáreas previstas no novo plan de ordenación 2019-2028. En termos relativos, as variedades autóctonas supoñen xa o 24 por cento das árbores plantadas no monte comunal. O eucalipto supón o 33 por cento (en 1994, era o 41%), e o piñeiro ocupa o 43% restante. Nos dous últimos anos plantamos arredor de 500 exemplares, sobre todo castiñeiros, pero tamén, carballos, nogueiras, freixos, oliveiras, carballo americano, carballo palustre, etc.

Temos un dos montes veciñais máis diversos e sostibles da contorna. Recentemente renovamos a inclusión nas Unidades de Certificación dos Grupos FSC e PEFC. A xestión do noso monte está cuberta polos certificados de xestión forestal sostible con maior validez no mercado. Son numerosas as persoas que nos visitan e desfrutan das fermosas paraxes que se agochan por todo o monte. Con todo, temos que dicir que non son benvidos aqueles desaprensivos que empregan as motos e os quads para estragar as nosas pistas e plantacións.