Como vén sendo tradicional, no segundo domingo do mes de xuño os comuneiros e veciños de Atios celebramos unha xuntanza popular coa que queremos festexar a riqueza do noso monte comunal. A área recreativa da Veiguiña é o escenario de diversos actos incluidos no programa desta romaría que nesta edición fai xa 30 anos. Haberá un posto de pulpeiro, inchable e xogos populares para os cativos, actuación do grupo folclórico dos Penediños de Atios e o tradicional petisco ofrecido pola xunta directiva de montes. Todo estará amenizado pola charanga Imperiais. Ademais, organizamos a terceira andaina pola ruta dos muíños de Atios, que ten o punto de orixe na igrexa parroquial e percorre o fermoso sendeiro ao pé da canle de auga dos muíños. Non faltará tampouco a mostra de traballos manuais, de pintura e redacción, realizados polos alumnos do CEIP de Atios, que curso tras curso participan no certame que dende hai moitos anos organiza a comunidade en colaboración co colexio.

É tradición tamén que a comisión encargada de organizar a Festa patronal de San Bieito, que este ano lle toca ao barrio de Alvarín, monte o seu posto no torreiro. Nesta ocasión preparan un rastrexo por diversas paraxes do monte que se inicia na tarde do sábado e rematará o domingo pola mañá na propia área recreativa. Un xeito divertido e integrado na natureza de desfrutar do noso monte. Estará permitida a acampada, en espazos acotados e con aforo limitado, previa reserva no teléfono 606 96 81 34. Se o tempo o permite podénse usar os asadeiros distribuídos pola área recreativa.

Coa festa, a comunidade de montes pon fin a un ano de traballo na defensa e coidado do monte comunal, fonte de riqueza económica, ecolóxica e social para toda parroquia de Atios. No ánimo da directiva está seguir loitando, moitas veces contra inimigos inesperados como é o concello, para reclamar todo o patrimonio que consideramos veciñal, como por exemplo os terreos das canteiras. Agardamos que o novo goberno que se constitúa no Porriño sexa máis respetuoso coas lexítimas demandas dos comuneiros e veciños de Atios.

Quedan convidados.