A directiva da Comunidade de montes de Atios decidiu suspender a celebración este ano da tradicional Festa do Monte, que ten lugar cada segundo domingo do mes de xuño, e que este ano caería no día 14.

As circunstancias que estamos a vivir co andazo do coronavirus non nos permitirán desfrutar dunha xornada festiva no monte como nos quixeramos. Lamentándoo moito, aínda que eventualmente na última fase da desescalada puideran permitirse reunións coa presenza dun determinado número de persoas en espazos abertos, o certo é que nunca poderíamos vivir a festa como a nós nos gustaría. Non sería o mesmo.

Así que decidimos suspendela por este ano. Xa que logo, a edición número 31 da festa, que tocaría celebrar agora, será no ano 2021. Preferimos suspendela e non adiala, en primeiro lugar porque non sabemos como vai evolucionar a crise; e, por outra banda, tampouco queremos interferir no calendario de romarías e festas que as comunidades de montes veciñas teñen tamén no calendario.

Aínda así, tanto os comuneiros coma os veciños de Atios poden seguir desfrutando do monte, que cada vez coidamos con máis dedicación e esforzo, para que siga medrando coma un espazo natural de gran valor. De feito, nestes días en que xa se pode saír a pasear e facer deporte, o noso monte é moi frecuentado por persoas non só da parroquia, senón tamén de todo o municipio do Porriño e incluso de concellos lindeiros.

Só pedimos que todos sexan respectuosos co medioambiente e coa fermosa contorna natural que ten o noso monte. Agardamos que isto remate axiña e do mellor xeito posible para todos. Queremos voltar vervos e ir de festa polo monte.

Deixámosvos a ligazón do fermoso vídeo realizado polo noso veciño, Samuel Giráldez, onde se pode apreciar a riqueza natural e social do monte de Atios.

A coidarse e deica a próxima!