O segundo domingo do mes de xuño é para os comuneiros -e en xeral para todos os veciños- de Atios, un día moi especial: celebramos a Festa do Monte. E van xa 28 anos! A Área recreativa da Veiguiña énchese ese día de cor, música e moita xente con ganas de pasalo ben e disfrutar dun día de festa en plena natureza.

O programa de actos inclúe, como en ocasións anteriores, unha andaina pola ruta dos muíños, a misa de campaña na área recreativa, o posto do pulpeiro, o bar da comisión de festas de San Bieito –que nesta ocasión lle toca organizar aos barrios de Vilafría, O Carbón e Os Eidos-, a actuación do grupo folclórico dos Penediños de Atios, un inchable para os máis cativos e, como novidade, un rastrexo con busca do tesouro no que poden participar todos os nenos que queiran. Non faltarán tampouco os xogos populares e os xa tradicionais petiscos que a xunta reitora da comunidade de montes ofrece a todos os que nos visiten.

Andaina polos muíños

Este ano queremos facer fincapé en dúas actividades que nos parecen moi interesantes. Por un lado a andaina, que se ven celebrando dende hai algún tempo, pero que queremos destacar para acadar unha maior participación. Parte ás 9:00 da mañá da igrexa parroquial, que poñemos como punto de encontro. De aí subimos ao barrio do Castro para iniciar a ruta dos muíños, un fermoso sendeiro, baixo a sombra de árbores frondosas que percorre a canle de auga que move os rodicios dos muíños. A ruta, de dous quilómetros escasos, atravesa recunchos de gran atractivo natural e etnográfico, discorrendo entre as ruínas dos vellos muíños, a esbeltez dos que aínda moen e o aroma dos castiñeiros, carballos ou freixos, sempre na compaña da frescura e o son da auga. Ao remate, na área da Veiguiña, ofrecerase un refresco e un petisco a cada participante na andaina. Está aberta a todo o mundo e é de balde!

Busca o tesouro!

Pero quen de verdade van gozar da festa é a xente miuda! Temos preparadas grandes novidades na edición deste ano. Ademais do inchable, nesta ocasión haberá sesión de maquillaxe e –o máis interesante- un rastrexo para atopar un tesouro agochado no monte! Os participantes deberán superar divertidas probas de habilidade e poder así seguir as pistas para atopar o tesouro que está agochado entre algunha árbore, un penedo ou os camiños da área recreativa. Agardamos que moitos rapaces suban ao monte para pasar un día grande de festa.

Dende a xunta reitora sempre tivemos como obxectivo involucrar ás novas xeracións no coñecemento, coidado e disfrute do monte. Por iso dende hai anos organizamos un concurso escolar en que os alumnos do colexio público de Atios poden participar elaborando un traballo de redacción ou plástica. Os traballos son expostos no lugar onde se celebra a festa.
Cóxegas organizará tamén xogos populares para os adultos. Carreira de sacos, a corda, o ovo e a culler, etc., A intención é que ninguén se aburra e pase un día inesquecible no monte.

Obras na área recreativa

Para que todo estea a punto e luza bonito, acometemos nos últimos días algunhas obras de mellora na área recreativa. Así, remozamos o tellado da caseta coa desmontaxe da tella vella, que tiña case vinte anos e a colocación dunha nova. Dalle un aspecto renovado á Veiguiña.

Asemade, construimos unha bancada de pedra que separa o camiño do torreiro, para que o recinto onde discorre a festa quede protexido.

Hai grellas onde se pode asar, mesas de pedra por toda a área nas que se pode comer (hai que reservalas no día anterior, o sábado día 10)  e tamén auga potable. Está permitido a acampada pero é preciso solicitar permiso ao garda da comunidade de montes.

O único que resta por dicir é que o tempo acompañe e soba moita xente a gozar do monte.