A proba de bicicleta da montaña máis atractiva do circuito galego volve cunha nova edición chea de sorpresas. A parroquia de Atios, no concello do Porriño, será o vindeiro 5 de marzo escenario da III Marcha BTT Virxe da Guía, que nesta ocasión presenta un trazado de 45 quilómetros con dificultade media-alta. Para os menos arriscados hai un percorrido alternativo de 35 quilómetros de dificultade media. O 80% do trazado é novo con respecto a edicións anteriores, incluidos todos os descensos. A edición deste ano prevé un paso elevado sobre auga, de 27 metros, ademais dun treito completo sobre penedos.

Nesta ocasión contamos coa presenza de Desirée Duarte, campioa de España de ciclocross, Isabel Castro, campioa de Galicia, e Luis Oliveira, ex ciclista profesional, campión da Volta a Galicia. A saída está programada para as 9:30 dende as inmediacións do campo de fútbol do Carballo. Haberá premios para os primeiros clasificados, en categoría masculina e feminina. Tamén se premiará ao corredor máis novo, ao máis vello e ao que proceda de máis lonxe.

Durante o percorrido un dron gravará o paso dos ciclistas polos lugares de máis interese. Estas imaxes poderán ser vistas nunha pantalla xigante instalada na meta, situada tamén no campo do Carballo. A organización ofrece un seguro individual, vestiarios con duchas, lavado de bicicletas, e un petisco para cada participante.

A inscrición está aberta ata o xoves 2 de marzo, cun custo de 8 euros por participante. Para apuntarse hai varias posibilidades: no teléfono 609 037 469; nos seguintes establecementos colaboradores: cafetería do Centro Cultural de Atios, Qué Bici (Vigo), Tramo Libre (Cangas) e Xtrembike (Pontevedra); ou directamente na entidade Abanca cando se realice o ingreso da inscrición (enviando xustificante a virxendaguía@gmail.com). O número de conta é: ES55 2080 5452 6430 0020 6400. Toda a información está dispoñible en facebook/festavirxedaguía.