Cumprindo a tradición que arrancou hai xa 29 anos, o vindeiro domingo, día 10 -segundo domingo do mes de xuño-, os comuneiros e veciños da parroquia de Atios estaremos de festa! Chega unha nova edición da Festa do Monte, un día para disfrutar da natureza nun ambiente lúdico e festeiro. A celebración está aberta a todos os veciños da parroquia e tamén a todas aquelas persoas que nos queiran visitar. A fermosa contorna da área da Veiguiña, cunha ampla área recreativa, con mesas de pedra, asadeiros e zonas arboradas, é o marco onde se celebra a xuntanza popular.

Neste ano repetimos o programa de actividades da anterior edición. Ás 9:00 comeza a 2ª Andaina pola ruta dos muíños, que parte da igrexa e percorre por paraxes de gran beleza natural e etnográfica. Un chisco despois, na área recreativa, xa estará o pulpeiro Lito en disposición de servir as primeiras tapas de polbo, a carón do bar da comisión de festas de San Bieito, que neste ano organizan o barrio dos Galegos, o Rial e a Torre. Dende as dez da mañá xa se sentirá o ambiente festeiro coa música da charanga Nova Jomada, un grupo de nove músicos mozos de Salceda que actuou no pasado Festival de Cans. Animarán a festa co seu bo facer durante toda o día.

As 10:30 será a misa de campaña, oficiada polo párroco de Atios, e despois é momento de poder disfrutar das últimas pezas e bailes das cantareiras e do grupo de danza e gaitas dos Penediños de Atios. Os máis cativos non se aburrirán xa que dende primeira hora estará instalado o inchable de Diana, da empresa Cóxegas, quen se encargará tamén dos xogos populares para os nenos e tamén para os maiores. Sesión de maquillaxe, busca do tesouro, xogos tradicionais, etc.

Ás doce e media a xunta de montes ofrece un xantar aos presentes. Petiscos variados e viño branco elaborado por colleiteiros de Atios. Quen queira poderá xantar nunha das trinta mesas cos seus bancos de pedra que hai na área recreativa da Veiguiña. É preciso facer a reserva o día anterior, o sábado, entre as once da mañá e a unha da tarde. Se as condicións o permiten será posible usar os asadeiros que están situados na área recreativa.

Xa pola tarde entregaremos os premios aos gañadores do concurso escolar que dende hai xa moitos anos organizamos en colaboración coa directiva do colexio público de Atios. Os traballos estarán expostos ao carón da caseta. Logo é a quenda dos xogos populares, nos que poden participar nenas, nenos e maiores. Cóxegas será a encargada de animar aos participantes para que todos disfruten dos xogos.

Contra as oito, poremos fin ao programa de actos, aínda que a festa continuará ata que o corpo aguante…

Cartaz da Xornada