O centro social e cultural da Guía acolle esta fin de semana os actos organizados pola asociación cultural Os Penediños de Atios para conmemorar o Dïa do Libro. O sábado 29, ás cinco da tarde, abre a exposición de libros doados para a feira, que se poderán adquirir con vales facilitados pola asociación. Os eventos celébranse no auditorio do centro social, no primeiro andar. Os que desexen poden colaborar nunha árbore literaria que se confeccionará durante a feira.

Ás seis comeza a actuación do contacontos CODIA E MIOLO, que captarán a atención e curiosidade dos máis cativos co seu repertorio de contos populares como O papón e o gato lambón. Ao longo da tarde repartiranse os libros confeccionados coas obras escritas polos alumnos do colexio público de Atios. Todos os nenos participantes no concurso de relato curto recibirán un agasallo.

Xa o domingo, ás doce do mediodía, a escritora Sandra Estévez Calvar, nacida na veciña parroquia de Pontellas, presentará unha das súas obras. Leva xa publicadas oito novelas. Logo de quedar sen emprego debido á crise decidiu explotar a súa afición literaria, que xa posuía dende cativa.

Un concerto do grupo de cantareiras dos Penediños, porá o remate final aos actos organizados para celebrar o día do Libro, que tivo lugar o 23 de abril. A Deputación de Pontevedra e a Comunidade de Montes de Atios colaboran coa asociación cultural na organización dos eventos.